Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O papel das Comunidades Autónomas no Semestre Europeo

PUBLICADO O 13 DE SETEMBRO DE 2019 · (0)



FUNDACIóN GALICIA EUROPA · PABLO L. GUIMERáNS


No ano 2010, en plena crise económica mundial, a Unión Europea púxose como obxectivo coordinar as súas políticas económicas a longo prazo e atender aos desafíos económicos aos que se enfrontaba de forma conxunta. Nacía o chamado Semestre Europeo, un mecanismo para garantir unhas finanzas públicas saneadasevitar desequilibrios macroeconómicos excesivos na UE, apoiar reformas estruturais que favorezan o crecemento e o emprego, así como estimular o investimento. No marco desta coordinación, a Comisión Europea analiza cada ano os plans de reforma orzamentaria, macroeconómica e estrutural de cada país no chamado "paquete de inverno", coa publicación de diferentes informes. Posteriormente, diríxese aos gobernos nacionais no chamado "paquete de primavera", con recomendacións para os seguintes 12 a 18 meses, que son sometidas á valoración e aprobación do Consello para que os gobernos nacionais decidan as medidas máis adecuadas.

O pasado 5 de xuño, a Comisión presentaba o seu paquete de primavera de 2019 coas recomendacións para España aconsellando, ademais, fechar todos os procedementos de déficit excesivo que datan dos anos da crise. Dentro das recomendacións, inclúense orientacións no ámbito das políticas sociais, de educación e de emprego, que afectan directamente a Galicia polo alto grao de competencias do que gozan as Comunidades Autónomas nestas políticas. No informe sobre España do paquete de inverno, a Comisión apuntaba xa á necesaria participación das CC.AA. nun país tan descentralizado como o noso, sinalando que "unha coordinación máis estreita e sostida entre as autoridades nacionais e autonómicas podería aumentar a eficacia das políticas. O alto grao de descentralización de España converte as comunidades autónomas en actores clave para a aplicación satisfactoria das políticas e reformas. Nos ámbitos de actuación nos que interveñen tanto as administracións de nivel nacional como as de nivel autonómico na aplicación das reformas, a coordinación e a rendición de contas seguen supoñendo un reto".

Entre as recomendacións atopamos unha vez máis demandas previsibles e en liña co que se vén aconsellando nos últimos anos. Así, en materia de servizos sociais e de emprego, solicítase un reforzo dos servizos aos desempregados, favorecer a creación de contratos indefinidos e apoiar ás familias mediante unha maior eficacia dos réximes autonómicos de renda mínima. A mención á necesidade de reformar estes sistemas autonómicos de garantía de ingresos foi constante nos últimos tempos, nos que se solicitou de forma explícita corrixir as deficiencias nas condicións de acceso, cobertura e adecuación dos mesmos.

En canto á educación, aprémase a redución do abandono escolar prematuro e a mellora dos resultados educativos tendo en conta as disparidades rexionais, así como unha mellor adecuación do ensino co mercado laboral. O risco de pobreza e de exclusión social, sobre todo a infantil, e á desigualdade en ingresos, son problemáticas que se teñen en conta nos considerandos das recomendacións, que sinalan a necesidade de esforzos en prol dun crecemento inclusivo, con investimentos en políticas e infraestruturas sociais. E no ámbito da cohesión territorial, solicítase frear o despoboamento e o envellecemento agudo das zonas rurais, adoptando medidas que promovan o emprendemento, a dixitalización e a economía social como parte de estratexias integradas de desenvolvemento territorial.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)