Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

2020: Sociedade de risco global e incerteza radical

PUBLICADO O 28 DE ABRIL DE 2020 · (0)



DANIEL GONZáLEZ PALAU · DIRECTOR DO IGADI


Cando a mediados de marzo en Europa estabamos xa confinados e o presidente Bolsonaro identificaba a COVID-19, cun acentuado atraso, coma unha “gripezinha”, o crime organizado dos barrios periféricos de São Paulo realizou un chamamento público ao confinamento, asegurando tanto os servizos básicos coma as medidas de coerción e represión no seu territorio. Cando en Europa e América estabamos xa confinados a finais de marzo, comezamos a ver episodios de distopía global de maiores valencias. De súpeto, os Estados comezaron a competir polo material sanitario de maneira agresiva, chegando a actos de piratería moderna, como a denunciada por Alemaña sobre os USA, piratería entre socios da OTAN. Non vimos só a piratería estatal, se non a de intermediarios e compañías privadas que na efervescencia do medo global á COVID-19 e baixo máscaras variadas estafan a Estados ou entidades subestatais do mundo enteiro, como as nosas Comunidades Autónomas.

Cando agora, xa avanzado o mes de abril de 2020, en Europa, América, África, e algúns países e territorios de Asia comezan o seu segundo confinamento, o presidente Donald Trump anunciou a suspensión de pagos á Organización Mundial da Saúde, caracterizándoa de chinocéntrica, acusándoa de ocultar información e facilitar mesmo a expansión do virus a nivel global. China e os USA, xa nunha carreira en rumbo de colisión desde hai anos, acúsanse na última semana de probas nucleares secretas ou de guerras bacteriolóxicas soterradas.

Agora que as consecuencias sociais e económicas da globalización do novo coronavirus asustan e impresionan lembrámonos de como a finais do s. XX e xa iniciado o s. XXI emerxeu con forza nas discusións académicas do mundo enteiro, e con forte eco nos novos movementos sociais de carácter global, a obra A Sociedade do Risco: Cara unha nova modernidade do sociólogo alemán Ullrich Beck (1986). O libro nutriu o debate a esquerdas e dereitas, xa que os seus argumentos retrataban con inquietude o tempo novo que habitabamos, desde o novo mundo laboral ou a ameaza da crise ecolóxica.

A premisa básica da Sociedade Risco (que foi sucesivamente reformulada por U. Beck até a súa morte no 2015) propón que o nacemento da aldea global e a sociedade planetaria por medio da hiperconectividade que representaba a globalización traía riscos visibles e invisibles a todas as sociedades do planeta, que máis cedo que tarde obrigaría a unha gobernanza global de maior peso para resolver problemas globais. Os ataques ás torres xemelgas no 2001 foron o primeiro grande episodio do serial e a crise financeira que arrancou no 2008-2009 o segundo. Ullrick Beck sinalaba a emerxencia de todas as interdependencias que a globalización acentuaba, das económicas ás da saúde, e a multiplicación do risco permanente froito desta nova era, que abría o mercado global xunto ás novas tecnoloxías da información e o autómata global de portos, aeroportos e infraestruturas de conectividae física. Os seus maiores críticos tildárono de alarmista.

Nesta composición de lugar rápida non podemos máis que seguir a tomarlle a temperatura á situación actual, día a día, xa que todo caduca rápido en relación ao que coñecemos e as consecuencias da aparición da COVID-19. Se a incerteza e o aumento exponencial de conflito xa cubría á sociedade internacional anterior á aparición global do virus, con guerras comerciais, crise climática e disputas xeoeconómicas, o 2020 ameaza con acelerar todas esas fendas.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)