Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A vella normalidade

PUBLICADO O 01 DE XUñO DE 2020 · (0)



EDITORIAL ·


Parece que esa 'nova normalidade' que ata hai pouco non era máis que un slogan se vai facendo realidade. E non deixa de sorprender a capacidade da cidadanía para asumir cambios e mudar hábitos consolidados durante décadas en apenas uns días, ás veces horas, ao ritmo que van marcando as moitas veces contraditorias normativas, leis, decretos, recomendacións…

Moitos aínda nos asombramos do estrito cumprimento da lei antitabaco nun país onde se fumaba nas clases da universidade, e nos exames! Non digamos nos bares ou discotecas… Agora os datos de Google confirman que España é dos países que máis cumpriu o confinamento. E no camiño miles de exemplos que desmontan a inmerecida fama asociada a ese “carácter latino” co que algúns países intentan tapar miserias propias a costa de perpetuar a falsa imaxe dun sur preguiceiro e truán. Un falso mito máis.

Un cumprimento que é aínda máis meritorio se temos en conta as dificultades que adoita pór quen goberna, independentemente da cor política. Porque se hai algo do que si adoecemos é duns partidos políticos á altura, capaces de mirar alén da lexislatura e acometer medidas capaces de solventar os problemas reais da cidadanía. E arestora este non só é un grave problema que arrastramos desde hai anos, ou décadas. Arestora é o maior obstáculo para poder saír desta situación mantendo o que nos fixo fortes e capaces de chegar até aquí como unha sociedade comprometida coa contorna social, ambiental, coas leis e as normas, orgullosa do estado de benestar acadado entre todos e todas.

E unha vez pasou o pico da pandemia, a crise sanitaria inmediata cuxa prioridade ninguén cuestionou, non podemos consentir que continúe a crise informativa. Empezando por un goberno dun país democrático cuxo secretario de comunicación –cargo dependente directamente do presidente– filtra previamente os medios e as preguntas das roldas de prensa durante semanas, até que algúns (poucos) se plantan. Ou que desde o propio goberno se envíen mensaxes contraditorias de gravísimas consecuencias para as persoas e para o conxunto da sociedade. Non podemos consentir seguir liderados por un goberno que lanza globos sonda cada 10 minutos para saber por onde tirar creando unha incerteza que para moitas persoas, familias e empresas supón danos irreparables.

Hai quen perdeu a empresa que tanto lle custou pór en marcha por mor da crise da COVID. Pero hai quen corre o risco de perdela por mor de rumores, informacións e desmentidos incapaces de crear seguridade xa non no futuro, no mesmo presente inmediato. E iso é máis desemprego nun país castigado como poucos pola ineficacia económica duns gobernos que só entenden de idearios políticos.

O mesmo acontece coas familias. Primeiro terían conciliación para menores de seis anos. Porque os de 7, 8 ou 9 ben poden independizarse xa… Despois só para 4.º de ESO e 2.º de bacharelato. Tampouco. E agora a algunha mente preclara se lle ocorre que o próximo curso se alternen clases presenciais e online… Son xa moitos os pais e nais que tiveron que botar man dos avós ao incorporarse aos seus empregos, porque moitos salarios galegos non dan para pagar un que quede coa cativada. E para perder un salario mellor o dun proxenitor –no 90 % dos casos proxenitora– que pór un descoñecido a coidar dos fillos. Pero iso implica descolgarse do mercado laboral, un dereito que parece imposible lograr para as mulleres deste país. É un problema que non teñen os políticos –nin as mulleres políticAs– á vista da nula resposta que sempre teñen os problemas familiares aquí. Así que de novo son os avós os que están a coidar dos netos, eses avós que había que protexer… ao menos para quedar ben na tele.

De novo é a cidadanía quen responde, porque das administracións ninguén agarda máis que o próximo golpe. A 'nova normalidade' é, por desgraza, bastante vella.



Comentar








Enviar

Comentarios (0)