Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Hai mentes e persoas de gran valía en todas as ramas e en todas partes”



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 18 DE MAIO DE 2017 · (0)




No equipo da USC que lidera este catedrático –de ecuacións diferenciais non lineais, por se alguén se fai unha idea– hai unha bolseira iraquí, outro chinés e moitos galegos encantados de traballar cun dos mellores matemáticos do mundo. A Juan José Nieto Roig apaixónalle o que fai pero o seu paso por Estados Unidos fíxolle ver que, ademais de ao traballo, á vida cómpre dedicarlle unha boa porcentaxe de tempo.

Antes de nada unha curiosidade: a túa biografía pon que naciches en Madrid. Es galego de adopción ou a todos os efectos? 

 A todos os efectos. Como dicía o escritor “a min nacéronme” en Madrid, os meus pais estaban alí por traballo pero a miña infancia paseina en Coruña.

Supoño que asumes que traballar no mundo da investigación, xa non digamos matemática, leva directamente ao anonimato por moi considerado que esteas.

Si, moitas veces pasa desapercibida. Estamos recluídos no noso nicho e non transcende. E unha función moi importante é transmitir o que facemos e a súa utilidade.

Estiveches investigando nunha Universidade de Texas cunha bolsa Fulbright; canto tempo?

Dous anos. E con distintas bolsas, unha delas a Fulbright.

E como foi? Que che pareceu o mellor e o peor dese mundo universitario e investigador que ás veces tanto se admira? 

Pois é completamente diferente, a verdade. O positivo é a cantidade de medios que teñen os grandes centros de investigación e as universidades, e o negativo é o tipo de vida, moi orientada a traballar. Quizais en exceso. Cando es novo –e eu érao cando estiven– é unha situación idónea, pero para a toda a vida… non estou tan seguro.

Certo que ademais de traballar moito invisten; a porcentaxe do seu PIB que vai a investigar é alta.

Bastante máis ca nosa! En España estamos por debaixo, xa non digo de Xapón ou Estados Unidos, senón da media europea. Pero non todo se soluciona aumentando os orzamentos, senón cunha política científica axeitada e con perspectiva de futuro.

Canta xente traballa no teu equipo?

Unhas 15 persoas. Hai dous catedráticos, dous profesores titulares, dous doutores, xente contratada para distintos proxectos e bolseiros, como un de postdoutorado cunha bolsa do Goberno chinés, outra matemática bolseura polo Goberno de Iraq, xunto a bolseiros da Xunta e o Ministerio que investigan no noso grupo.

É imprescindible a estabilidade laboral, equipos sólidos no tempo? Non hai algo positivo no intercambio de xente?

Un equipo de investigación é coma un de fútbol ou unha empresa: necesita dun núcleo estable. Pero que se vaia incorporando xente nova ou que investigadores do grupo vaian a outras universidades, enriquece. Con todo, estamos nunha situación bastante inestable e iso é perigoso de cara ao futuro, terá consecuencias nefastas para a investigación. E non falo do noso grupo en concreto senón da política de I+D en Galicia e España. Xa hai xornadas para científicos españois que traballan fóra e queren volver, para informalos de en que se poden colocar fóra da investigación, porque o sistema reduciu moito o seu orzamento e non vai poder absorbelos a todos.

As investigacións que facedes permiten predicir o desenvolvemento de enfermidades como o Ébola ou Zika. Como?

O que se facía antes era recoller datos e analizalos estatisticamente para saber a orixe da enfermidade e as implicacións, pero de maneira pouco rigorosa. Por exemplo: o cólera non se sabía moi ben como se transmitía, pero analizando casos e distribución viuse que se centraba nunha zona onde había unha fonte que era a orixe. E concluíuse que era por beber augas infectadas. Agora contamos con ferramentas matemáticas que permiten facer modelos de distintos fenómenos e serven para facer predicións, e iso tentamos facer. O bo das matemáticas é que, moitas veces, un mesmo modelo pódese aplicar en distintas situacións e vimos que podían utilizarse no estudo de moitos problemas biomédicos.

(Extracto da entrevista que se pode ler completa no número 312 – maio 2017)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)