Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Inventor, emprendedor e un dos impulsores da industria galega



TERESA ROCAMONDE · PUBLICADO O 21 DE NOVEMBRO DE 2017 · (0)




Antonio Sanjurjo Badía naceu en Sada no ano 1837 e ata o seu pasamento en Vigo en 1922, sería quen de escribir algunhas das páxinas máis notables da industria viguesa e, por extensión da galega, amais de deixarnos algúns dos relatos máis fermosos a medio camiño entre a historia e a lenda. Convencido defensor da industrialización e a modernidade, que levou ata o sector naval, a fundición, os transportes e mesmo o papel, a lenda conta que foi amigo de Verne, a quen tería coñecido nunha das dúas visitas do escritor a Vigo.

“Hai un gran descoñecemento da historia económica galega. Os plans de estudo, que prestan unha grande atención á literatura, deberan prestarlla igual á economía e ao mundo da empresa”, aseguraba o escritor e xornalista Eduardo Rolland, bo coñecedor de Antonio Sanjurjo Badía, a quen define como unha das figuras clave da industrialización viguesa.

Certamente, non anda sobrada a industria galega de grandes referentes e nomes senlleiros, mais si conta con figuras destacadas que deberan ter un oco na historia desta comunidade, se non polo éxito dos seus proxectos –moitas veces a expensas de intereses foráneos que impediron o desenvolvemento local– si polo que supuxeron á hora de abrir mentes e camiños. Unha desas figuras é a do mecánico, ferreiro, inventor e empresario Antonio Sanjurjo Badía. Un modelo de emprendedor como poucos na historia desta comunidade, a quen a curiosidade e a maña lle viña xa de familia. Seu pai, un ferreiro e reloxeiro de Sada, era coñecido como “O Habilidades” debido á súa capacidade de invención.

O futuro industrial comeza a traballar nese obradoiro familiar de fundición pero aos 17 anos emigra a Cuba xunto co seu irmán Manuel –outro irmán, José, marcha a EE. UU. mentres que o cuarto irmán varón, Miguel, queda na casa ao cargo do negocio familiar–. Na illa caribeña os irmáns Sanjurjo Badía traballan no sector metalúrxico, que coñecen ben, pero que na illa está moito máis desenvolvido. Cun capital mediano e moitas gañas de iniciar ese proceso de industrialización na súa terra, regresa Antonio a Galicia. Establécese en Vigo onde abre, a principios da década de 1860, o seu primeiro negocio: La Fundidora, unha das dúas fundicións que había na cidade nese momento. O aumento de traballadores, ligado á boa marcha da fábrica, obriga en 1880 a abrir unha nova factoría: así nace La Industriosa.

Inventor xenial

O nome desta fábrica vén da fascinación que tiña Sanjurjo Badía polo traballo colectivo das abellas. Ao parecer, pasaba horas “contemplando a actividade deses animais disciplinados, incansables e industriosos”, asegura o xornalista Fernando Salgado, outro bo coñecedor do personaxe, que conta como, con 73 anos, e sendo xa un dos industriais máis respectados de Galicia, inventou e fabricou unha colmea móbil que permitía extraer os panais e observar o traballo das abellas sen molestalas nin interromper o seu labor.

Aínda que sería a súa boia lanzatorpedos, un minisubmarino disposto para loitar nunha posible invasión norteamericana, a que concentrase a admiración de coetáneos e de moitos enxeñeiros que aínda hoxe resaltan a complexidade do seu mecanismo.

A aventura papeleira

“O interese de Antonio Sanjurjo polas máquinas e a súa capacidade para canto tivese que ver coa mecánica animárono a participar nun proxecto papeleiro”, asegura Salgado. Trátase de La Cristina, “unha das primeiras industrias de papel continuo de España”, tal como explica Xoán Carmona, catedrático de Historia e Institucións Económicas na Universidade de Santiago de Compostela e, sen dúbida, unha das persoas que mellor coñece a historia industrial de Galicia.

La Cristina foi unha ambiciosa proposta na que participaron arredor de medio centenar de destacados nomes da cidade a inicios da década de 1860. Levantárase na zona de Cabral porque alí estaba un río que auguraban provería enerxía suficiente. Mais non foi así. Varios anos de seca –e intereses políticos– provocaron o fracaso da iniciativa. Malia iso, dela saíu o papel co que Juan Compañel imprimiría a primeira edición do Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, o Diccionario de escritores gallegos de Manuel Murguía e mesmo os primeiros números do Faro de Vigo.

A primeira liña moderna de transportes

O fracaso de La Cristina non lle impide a Antonio Sanjurjo emprender novas aventuras. En 1903 adquire Automóviles Compostelanos, unha empresa creada tres anos antes para realizar o transporte de viaxeiros entre Santiago e A Coruña. En 1912 conta cunha frota composta maioritariamente por vehículos de combustible líquido e La Regional convértese na primeira empresa moderna de transporte de viaxeiros en Galicia.

Tres fillos con formación internacional

Tres dos cinco fillos que tiveron Antonio Sanjurjo e Concepción Otero eran homes e os tres estudaron enxeñaría no estranxeiro co fin de dirixir os negocios familiares. Pero só sobrevive Manuel, que debe trasladarse a Vigo para facerse cargo dos negocios principais. La Regional será traspasada entón a outro empresario compostelán que se convertería durante case oito décadas, no máis importante do sector do transporte en Galicia: Evaristo Castromil.

Cando Manuel chega a Vigo La Industriosa xa non é só o nome da fundición que elabora todo tipo de produtos e mesmo máquinas de vapor, senón tamén do estaleiro aberto por seu pai en 1911 na zona do Areal vigués, onde case medio século antes se situara o seu primeiro obradoiro de fundición.

Sanjurjo Badía é un dos referentes indiscutibles da primeira reconversión industrial de Vigo. Sen o seu labor de modernización non se entendería o proceso que levou á pequena vila mariñeira a converterse no corazón industrial de Galicia, quizais non todo o potente que se quixera pero, sen dúbida, moito máis do que pode dicir o resto do territorio. E ademais de crear emprego e cultura empresarial, tivo tempo, e enerxía, para desempeñar diversos cargos institucionais e mesmo para inventar curiosos artefactos.

(Extracto da reportaxe publicada no número 318 – novembro 2017)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)