Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

'Galicia bonita' contra o feísmo urbanístico



REDACCIÓN · PUBLICADO O 25 DE ABRIL DE 2019 · (3)




A Televisión de Galicia presentou onte un novo programa destinado a mostrar que é posible rematar co “feísmo” que asolaga a nosa contorna fomentando o respecto ao medio ambiente e a sostibilidade. Cun formato divertido e moi dinámico, o equipo liderado pola arquitecta Rosa Facal traballará contrarreloxo para mostrar a “Galicia bonita”.

O novo programa da Televisión de Galicia, que se estreará o próximo luns ás 22:00 horas, é unha produción de Lúa Ideas que bota man dun formato puramente televisivo como é o docu-reality para denunciar o “feísmo” que padece Galicia, pero tamén para mostrar que ten solución.

Co asesoramento –e a man dura– da arquitecta Rosa Facal, especialista na recuperación de contornas rurais, un equipo de profesionais formado por Carlos Vélez, Olalla Rodríguez, Javier Rodríguez e Laira Fafián, percorrerá Galicia durante nove semana para demostrar –ás veces con máis imaxinación ca recursos–, que é posible volver a presumir de Galicia bonita. […]

Galicia bonita é isto, poñer en concordancia a nosa paisaxe natural con estoutra paisaxe, fomentar así o coidado do noso patrimonio”, asegura a arquitecta xalleira, que explica que traballaron “en hórreos, galpóns, na típica parcela, na eira que está mal arranxada, en vivendas e mesmo no exterior dun bar”.

Deste xeito cada programa permitirá ver un modelo de rehabilitación coas súas peculiaridades e coas problemáticas que enfrontan os propietarios á hora de asumir as reformas. Precisamente eles serán, en gran medida, os protagonistas do programa, grazas á súa espontaneidade e a unha naturalidade que aporta gran frescura ao formato permitindo a calquera persoa empatizar con eles ao verse reflectidos na situación.

Ideas sinxelas contra o “feísmo”

Rosa Facal explica que “moitos casos que dan lugar a ese 'feísmo' están provocados pola simple e respectable idea de darlle solución de xeito rápido, e sobre todo económico, a un problema puntual que se presenta nunha propiedade”. 

Á preestrea que tivo lugar onte en Santiago de Compostela acudiron practicamente todas as persoas que puxeron as súas propiedades en mans deste equipo. Todas chegaron encantadas co resultado da reforma e saíron aínda máis satisfeitas coa montaxe do programa, que levantou tantos aplausos como gargalladas ao longo de toda a emisión. Un éxito que a produtora agarda repetir cada luns en forma de audiencia. […]

Desde Lúa Ideas explican que “trata de fomentar valores de coidado do patrimonio partindo do concepto tan de moda Do it yourself ou Faino ti, a práctica de fabricación ou reparación das cousas por un mesmo, de xeito que se aforra, se aprende e se entretén ao mesmo tempo”.

Isabel García, produtora de Galicia Bonita, asegura que este programa foi “un auténtico reto profesional” xa que tivo que sumar á produción televisiva “a realización dunha obra, diferente en cada programa, con todos os problemas que conleva e cun prazo de execución de cinco días”. Asegura que non sería posible facelo sen “un equipo técnico de primeiro nivel” entre o que destaca o director do programa, Carlos Quirós, “sempre disposto a buscar solucións a calquera inconveniente que ía xurdindo”.

Deste xeito foi posible superar a desconfianza de moitos propietarios, as dificultades dos proxectos, as contrariedades das obras e mesmo os contratempos meteorolóxicos, que en máis dunha ocasión complicaron tanto a reforma como a propia gravación. E o resultado dese esforzo é un programa destinado a converterse na gran revelación televisiva da temporada. Unha ventá para mostrar con orgullo os recunchos da xeografía galega e as marabillas da paisaxe que namora a todos os foráneos.

(Extracto da reportaxe que se publicará no número 336 - maio 2019)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (3)



Raul

07 de maio de 2019

Como podo apuntarme o progama?

Raul lopez

07 de maio de 2019

Como podo apuntarme o progama?

ecodixital

08 de maio de 2019

Ola Raúl. Debes contactar coa TVG, nós non somos os produtores. Saúdos!