Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Historia da xente



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 14 DE MAIO DE 2019 · (0)




Afirmar que os peninsulares temos un 10%-12% de ascendencia do noroeste de África pola longa presenza de magrebís no medievo non sorprende moito. Pero constatar que a maior pegada xenética fica en Galicia, Léon e Portugal pode coller co paso cambiado. Xenetistas como os de equipo que lidera Ángel Carracedo na USC recollen datos. É cousa dos historiadores atoparlles sentido.

Resulta certamente divertido ler algunhas reaccións de lectores galegos a este estudo tras a publicación en medios. Hai xente á que lle chama á atención e divírtelle descubrilo, pero outra tanta semella que, se en vez de do Magreb se tivera constatada unha ancestralidade escandinava ou irlandesa a cousa sería mellor (por?).

Hai estudos recentes de poboacións da metade occidental peninsular que atopan pegadas de ADN norteafricano entre o Neolítico Medio e Idade de Bronce. O que pode respaldar a hipótese dunha ruta migratoria prehistórica entre a Península e África alternativa á oriental. Pero o punto de chegada é máis ou menos o mesmo. Ben sexa polos días do Neolítico, ou dos máis recentes do medievo a pegada Magrebí fica máis neste carón da pel de touro, isto sábese dende hai polo menos 15 anos e non fai máis ca confirmarse de novo co traballo feito por investigadores das universidades de Santiago e Oxford. O que tamén se recolle no libro Xenética e Historia no NO, editado polo Consello da Cultura Galega co gallo do congreso de 2002: 1/5 dos galegos teñen un cromosoma que certificaría esa orixe ou antepasados comúns vencellados coas correntes de subida de hai mil anos.

De emires e califas

xente que cruzou o estreito dende o actual Marrocos migrou en diversas oleadas dende o desembarco en 711 de Tariq ibn Ziyab cos bérberes, seguido dos árabes de Musa ibn Nusayr. Tras eses 30.000 combatentes calculados chegou o lóxico torrente civil dun número descoñecido de xente, pero principalmente do Magrebo que produciu un “impacto xenético substancial e variable”. A pegada xenética que quedou nesta terra foi esta malia que poboacións da península arábiga e da actual Siria (máis ou menos) tamén viviron aquí.

interese por estudar esta rexión do sur de Europa, radica -en opinión dos autores do traballo- no feito evidente de que “a Península Ibérica ten unha historia demográfica complexa e única entre as rexións europeas” por esa longa presenza, que non sempre dominio. Este apenas durou 300 anos, despois os reinos cristiáns fóronlle comendo a torrada. En todo caso, as características xenéticas poderían derivar das primeiras poboacións que chegaron no século VIII e non tanto das deportacións tras a Conquista de Granada, xa no século XV ou tras a expulsión de moriscos no XVI.

Visto o visto, Ángel Carracedo asegura a ECO que cómpre facer outro congreso entre historiadores e xenetistas semellante ao realizado en 2002 baixo o paraugas do Consello da Cultura Galega e Santiago pero hoxe á luz dos novos datos arroxados por un estudo que recolle a distribución xenética de máis de 1.400 españois.

Optimizando recursos

Como explica Carracedo, “traballamos coa Universidade de Oxford porque fixeran un traballo precioso da poboación das Illas Británicas e pensei que poderían axudármonos utilizando o seu programa mesturado cos datos que tiñamos recollidos doutro proxecto. E así foi”. Os resultados destas mostras de ADN -que poden ser consultados con calma por quen queira na revista online Nature Communication- proviñan dunha serie de mostras de hospitais españois. “Utilizamos un proxecto de datos recollidos da poboación de control para cancro colorrectal e xuntamos os cartos cun grupo de Barcelona”, explica o científico galardoado co Premio Nacional de Xenética.“Isto explica que os datos non estean uniformemente distribuídos por toda a Península, nin tan sequera en Galicia, porque saíron daqueles centros onde recolleron máis mostras, no caso galego fundamentalmente no hospital de Vigo, por iso temos tan representado o sur con concellos como Tui, Ponteareas, Nigrán, e uns poucos en Lugo”.

Os equipos

Ángel Carracedo lidera un grupo de traballo que non é que estea dedicado especialmente a xenética de poboación pero digamos que fai uso dela, “a nosa forza é a xenómica química e xenética forense, pero os datos poboacionais son vitais para a forense, para saber cal é a probabilidade de que ese ADN veña dunha persoa en concreto. Así que é una parte importante do noso traballo”. Xunto a este equipo da USC traballaron Simon Myers, Peter Donnelly e Clare Bycroft, da Universidade de Oxford co seu. E é Bycroft quen explica que tendo en conta unicamente o ADN, os datos “apuntan a agrupación de individuos modernos cuxos límites xeográficos coinciden cos de distintos reinos e respectivos idiomas, presentes hai máis de 500 anos”. Léase galego-portugués, asturiano-leonés, castelán, éuscaro, aragonés e catalán, independentemente da presenza actual ou a posterior evolución histórica dos reinos tras guerras, matrimonios, escisións e alianzas tan propias da nosa condición. A humana.

Cómpren máis mostras. “A partir destes datos hai cousas que se poden inferir”, explica o científico membro da Real Academia Galega de Ciencias, “só compre máis soporte estatístico para poder demostralo”. Co que temos observamos que as franxas verticais do mapa a son coma imaxe satélite dos procesos de repoboación vividos dende o século X.

Alfonso X O Sabio –unha das grandes figuras políticas e culturais do seu tempo– nacía en 1252 en Toledo para morrer en Sevilla en 1284, onde fica enterrado. A finais do século XIII case toda a Península estaba en mans cristiáns. O último reduto do islam tras as taifas, o Reino Nazarí de Granada, nacía coma entidade política pouco despois, ficando na “resistencia” ata o 2 de xaneiro de 1492 máis polos problemas internos dos reinos de Castela e Aragón que pola súa fortaleza. Circunstancia afortunada que permitiunos o luxo de ter, tras a súa marcha, esa xoia na alcazaba granadina.

(Extracto da reportaxe publicada no número 335 - abril 2019) 



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)