Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“As reestruturacións de empresas son un ben necesario”



ESTHER GARRIDO FOTOS: MONCHO FUENTES · PUBLICADO O 12 DE XUñO DE 2019 · (0)




Navarro Abogados y Consultores naceu como despacho na Coruña en 1999, cidade onde está a sede principal e aglutinan máis equipo. Pero foron medrando en clientes e chegaron aperturas en Málaga e Madrid, ademais de ir tecendo unha rede de “best friend firms” para cubrir asesoramento en comercio internacional en Estados Unidos, Latinoamérica, Europa e Asia. Expertos en Dereito Mercantil, Internacional, Fiscal e Laboral, falamos co seu socio director, Alejandro Navarro, do que ven no día a día.

Comiso, confiscación, expropiación… cales destas situación son potencialmente máis preocupantes para unha empresa que opera fóra de España e por que?

Todas son preocupantes, con efectos moi negativos similares e con carácter xeral, evitables. A elección dos países e mercados nos que actuar é fundamental para non atopar este tipo de problemas. Actualmente a lexislación internacional e os acordos entre países permiten realizar, nun gran número deles, operacións comerciais con certa seguridade. O problema xorde cando iniciamos o proceso de internacionalización nun país, a priori estable, e de forma sobrevida atopámonos con inestabilidades políticas ou financeiras que cambian o escenario. Nestes casos é necesario estar moi ben asesorado e actuar con prudencia para evitar caer “na falacia dos custos afundidos”, da que falei nun recente artigo sobre internacionalización e que, en definitiva, fainos manter un investimento problemático nun país con problemas para non perder o investido,o que adoita concluír con moitas máis perdas.

Traballastes cunha situación así algunha vez? 

Sempre buscamos para os clientes mercados estables nos que se poidan facer negocios seguros e onde os beneficios obtidos poidan ser facilmente repatriados. Pero mantémonos moi alerta das evolucións políticas e económicas para anticipar posibles problemas. Así que non adoitamos atopármonos con eles.

Se tiveses que poñer nota a como abordan a internacionalización as pemes galegas, cal sería?

Galicia, os galegos e as súas empresas merecen sen ningún xénero de dúbida un sobresaínte. A historia recente desta rexión así o indica. Hai anos internacionalizáronse as persoas, con miles de emigrantes galegos repartidos por todo o mundo. Agora, esa audacia e visión global do mundo tradúcese ás empresas, que acometen procesos de internacionalización e exportación con moito éxito. Sen ir máis lonxe, no ano 2018 Galicia bateu o seu record histórico con incrementos anuais por encima da media nacional. Provincias como A Coruña e Pontevedra están entre as primeiras de España, como exportadoras, o que evidencia unha magnífica saúde.

Cooperades dalgunha maneira coas Cámaras de Comercio a este respecto?

Colaboramos con elas e achégannos moito valor engadido. As cámaras de comercio e organismo como o ICEX son grandes soportes para todos os empresarios que queiran iniciar proxectos de internacionalización, facilitan o proceso.

Percibides unha demanda á alza de transaccións por compravenda de empresas ou traspaso de negocios?

Si, vimos duns anos bos en materia de M&A (fusións e adquisicións de empresas) en España. No ano 2018 produciuse un incremento do 19 % no importe das operacións con respecto a 2017, chegando ata os 116.000 millóns de euros. Fixéronse 2454 fusións e adquisicións, o que representa un 6 % máis que en 2017 e este ano, en 2019, prevese que a tendencia continúe.

Que volumes económicos son máis habituais ou con cales traballades máis?

O mercando é moi amplo e variado, polo que é difícil dar unha cifra concreta... Pero nós facemos normalmente operacións en empresa familiar, que adoitan oscilar entre os 3 e os 20 millóns de euros. As grandes entidades financeiras e despachos internacionais non adoitan facer operacións por baixo dos 100 millóns.

E é o mercado máis dinámico que antes? Hai máis rotación que anos atrás nas decisións de investimento para entrar noutro sector ou diversificar?

Indubidablemente. Especialmente desde o punto de vista do investimento estranxeiro no sector industrial. No ano 2018 incrementouse un 75 % en relación co anterior. Hai moitos investidores de fondos estranxeiros que están a entrar en empresas españolas atraídos polas boas perspectivas económicas. […]

Por exemplo, se falamos do proceso de Alcoa cuxos directivos deseñaron unha operación de venda para as plantas da Coruña e Avilés, coñecedes como se vai a desenvolver?

Non coñezo do proceso máis do que se publicou nos medios especializados, polo que non teño detalles que me permitan falar da operación desde o punto de vista xurídico. En todo caso, creo que un dos elementos dos que dependerá o éxito final da operación —probablemente o que máis— será o custo eléctrico. Os investidores entrantes, á vista dos antecedentes, quererán asegurarse a rendibilidade do investimento e niso, ao tratarse de negocios electrointensivos, é fundamental. Isto complica a operación porque o custo eléctrico é un factor que non depende de comprador ou vendedor senón da vontade de terceiros. Veremos.

Quen adoita ser máis inflexible: o vendedor ou o comprador interesado?

O comprador quere asegurar e rendibilizar ao máximo o investimento e o vendedor obter o maior prezo pola compañía sen prestar grandes garantías. A flexibilidade razoable de ambos é a clave do éxito destas operacións.

As reestruturacións empresariais son un mal necesario?

Son un ben necesario, segundo eu as entendo. E explícome. Vexo o proceso de reestruturación como un proceso para levar a cabo para mellorar a eficiencia e rendibilidade da empresa, o goberno corporativo e, nalgúns casos a substitución xeracional. Debe facerse para ir adaptando a sociedade ao mercado, facéndoa máis competitiva e coa maior capacidade de xerar riqueza e postos de traballo. Non facelo a tempo e da maneira adecuada é o que provoca procesos traumáticos con amortizacións drásticas de postos de traballo, reinvestimentos inviables e perdas irreparables de riqueza. Desafortunadamente, son estes últimos os que teñen repercusión en medios, o que inevitablemente distorsiona a concepción do termo […]

Eroski, Día, El Ganso… todo se soluciona cun novo reinvestimento da débeda? Que importancia lle dades a acometer cambios operativos e estratéxicos?

Cada caso é distinto e hai que analizar os motivos que levan á compañía á situación na que se atopa antes de tomar decisión. Pero con carácter xeral, un reinvestimento sen cambio profundos en operativa e estratexia non adoita resolver o problema.

Son máis fácil de acometelos se traballamos con pemes?

Indubidablemente, a maior complexidade da estrutura da compañía maior dificultade para endereitar o rumbo se nos atopamos en dificultades. Agora ben, se o proceso se acomete nunha situación de estabilidade financeira, cunha estratexia clara e con bo asesoramento, o tamaño nunca é un obstáculo. Ao contrario, as posibilidades de que a operación multiplique o potencial da compañía son maiores. […]

(Extracto da entrevista publicada no número 336 - maio 2019) 



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)