Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O ano máis especial para a Vía da Prata



REDACCIÓN · PUBLICADO O 13 DE AGOSTO DE 2019 · (0)




A bagaxe histórica da Vía da Prata e o feito de ser o camiño xacobeo de maior percorrido en Galicia fan deste itinerario un gran reclamo de cara ao próximo ano santo. De aí que a Xunta de Galicia estea a piorizar neste 2019 os seus investimentos neste itinerario dentro do cronograma do Plan Director do Camiño de Santiago, converténdose este no ano no que terá a maior promoción, dinamización e investimento da súa historia. 

Asemade, a Vía da Prata ten un potencial especial para todos aqueles peregrinos que elixen facer o camiño dacabalo. De feito a Federación Hípica Española vén de colaborar na súa sinalización oficializándoo como itinerario ecuestre e estase a traballar para poder acondicionar un albergue da ruta que permita acoller a este tipo de peregrinos. Actualmente a Vía da Prata conta con preto dunha quincena de aloxamentos da Rede Pública de Albergues tras abrir o último no centro histórico da cidade de Ourense e realizarse melloras nunha decena de establecementos.

Pero a Vía da Prata ten interese para todas as persoas que realizan o Camiño, independentemente das súas motivacións, xa que nos seus máis de 250 km por terras galegas ofrece unha gran variedade de recursos naturais e etnográficos de excepción. Conta a historia que por este itinerario avanzou coa súa infantería Almanzor e que tamén por ela regresaron séculos máis tarde desde Córdoba a Compostela as campás da catedral que levou naquela afronta.

Especial valor natural, cultural e patrimonial

Ao seu paso por Galicia este Camiño ten varias alternativas; pódese optar polo tramo entre A Gudiña e Ourense pasando por Verín, Xinzo de Limia ou Allariz, pero tamén por Laza. A peregrinación inclúe paraxes de especial interese natural, que inclúen impoñentes paisaxes a máis de mil metros de altura, como o Alto de Picaños, e mesmo permite aproximarse a un dos seis parques naturais de Galicia, o do Invernadeiro.

Tras percorrer as terras da Limia –extensa comarca central da provincia ourensá que integra once municipios– os pasos continúan por Xunqueira de Ambía, importante centro espiritual en tempos medievais que levan á cidade de Ourense, segunda potencia termal europea. Destaca especialmente a súa catedral, co apóstolo Santiago no seu pórtico do Paraíso, o seu soado Santo Cristo e as reliquias de Santa Eufemia.

En Cea, a Vía da Prata permite coñecer lugares de especial tradición xacobea como a ermida da nosa Señora de Covas que, segundo a lenda, foi fundada polo apóstolo Santiago, e tamén o mosteiro de Oseira, cun destacado papel histórico na acollida de peregrinos que non dubidaban en desviarse do seu camiño para visitar este centro relixioso. Cea é, ademais, un dos referentes gastronómicos da comunidade con recursos únicos como o seu pan, que conta con Indicación Xeográfica Protexida.

Penetrando na provincia de Pontevedra, a tradición xacobea é tamén patente en Lalín, grazas á existencia no século X dun centro monástico vinculado á hospitalidade e do que queda a igrexa románica de San Martiño. Ademais, neste concello está o santuario da Virxe do Corpiño, en cuxa lenda tamén está presente Santiago.

De Almanzor á Raíña Lupa

No municipio de Silleda é imprescindible visitar o mosteiro de Carboeiro. Durante dous séculos foi o único lugar de acollida de peregrinos entre Ourense e Santiago e no século X, tras ser arrasado por Almanzor, San Pedro de Mezonzo iniciou a súa reconstrución con evidentes influencias compostelás.

A espectacularidade dos xardíns do estradense Pazo de Oca, tamén coñecido como o 'Versalles galego', permite continuar o percorrido xacobeo para chegar a Vedra onde a súa capela do Santiaguiño conta con inscricións referentes da traslatio do Apóstolo. De feito, o Pico Sacro está moi preto. É unha das montañas máis míticas e coñecidas de Galicia e fonte inesgotable de lendas e contos populares con grandes vínculos xacobeos, como o da Raíña Lupa, personaxe mítico que gobernaba a comarca á que pediron axuda os discípulos do Apóstolo para poder transportar o seu corpo ata o Campo das Estrelas.

E xa chegando á meta, a Vía da Prata segue mantendo a súa excepcionalidade, xa que a ruta entra en Santiago por un dos barrios máis xenuínos da cidade, o de Sar, onde é posible visitar a súa Colexiata, unha das xoias do románico galego. O percorrido cara á catedral inclúe atravesar a única porta en pé que se conserva da antiga muralla medieval que rodeaba Santiago e que actualmente é o arco da Porta de Mazarelos. Un final extraordinario para unha ruta de excepcional valor e interese que será unha das grandes protagonistas do Xacobeo 21.

(Reportaxe publicada no número 338 - xullo 2019)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)