Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Urxen a reforma do modelo económico



REDACCIÓN · PUBLICADO O 12 DE AGOSTO DE 2019 · (0)




“A economía española enfróntase desde o inicio de 2018 a unha contorna internacional máis adversa”. É unha das advertencias do último Informe Anual do Banco de España no que se urxe a abordar un novo modelo económico, especialmente no referente ás pensións “mesmo se non existe un consenso absoluto” antes de que aumente aínda máis a porcentaxe de persoas maiores e se complique a inevitable reforma.

As “tensións comerciais” –especialmente entre Estados Unidos e China– levaron a unha contorna internacional “máis adversa” que afectou especialmente a zona euro “que moderou o seu crecemento de maneira significativa en 2018”. É unha das conclusións do Informe Anual que o Banco de España vén de presentar en Oviedo e no que tamén se analizan outros factores que están a provocar un escenario de “vulnerabilidade” preocupante na nosa economía, como o mantemento dos tipos de interese en niveis “historicamente reducidos” por parte do Banco Central Europeo (BCE), a incerteza sobre o brexit, o elevado endebedamento nalgúns países, a debilidade de determinadas entidades bancarias, as perspectivas demográficas e os baixos niveis de produtividade. Afrontar estes retos, asegura o Banco de España, esixe “unha acción decidida por parte das autoridades nacionais” pero tamén culminar a revisión da “arquitectura institucional e regulatoria da Unión Económica e Monetaria (UEM)” para evitar que a moeda única siga exposta a tensións en caso de que se produzan “perturbacións de elevado calibre”.

Economía resistente pero vulnerable

Malia a desaceleración, o Banco de España asegura que a economía española amosa un “elevado grao de resistencia en comparación con outros países da nosa contorna”. Isto permitiu manter, por quinto ano consecutivo, “a recuperación da actividade e a intensidade da creación de emprego, o que contribuíu a unha nova redución da taxa de paro”. Unha evolución favorable sustentada, segundo a entidade, no dinamismo da demanda interna que axudou a “contrapesar a notable perda de empuxe das exportacións”. Non obstante, advirte de que ese “comportamento expansivo” consecuencia do desendebedamento e da dispoñibilidade de cartos en condicións “moi favorables” para familias e empresas, xunto a unha política orzamentaria expansiva, poden ser “fonte de vulnerabilidade para o futuro”, especialmente se temos en conta que a taxa de aforro alcanzou o mínimo histórico.

Desafíos inmediatos

De aí que entre os desafíos máis importantes que temos por diante están reducir o elevado endebedamento público e exterior e a alta taxa de paro, aumentar a produtividade, reforzar o sistema bancario e encarar as consecuencias do progresivo envellecemento da poboación. Retos indispensables que os expertos animan a acometer de maneira urxente para aproveitar un escenario económico benigno ante os “potenciais custos transitorios” que teñen algunhas das imprescindibles reformas estruturais.

Os altos niveis de endebedamento público “restrinxen significativamente” a marxe de actuación ante un eventual escenario recesivo, polo que o supervisor bancario considera “prioritario” o proceso de consolidación orzamentaria. Así mesmo, insta a estender os beneficios da recuperación ao maior número de persoas posible e axustar un mercado de traballo que “admite marxes de mellora significativos”. Neste campo propón axustar as cualificacións dos parados ás requiridas polos empregadores, afrontar fenómenos como a globalización e a dixitalización e traballar na mellora da produtividade, “moi pobre na última década”.

O envellecemento, un reto de primeira orde

Sen dúbida é un dos factores que máis está influíndo nas economías avanzadas, de aí o amplo espazo que se lle dedica neste Informe Anual. O gobernador do Banco de España, Pablo Hernández de Cos, considérao “un reto de primeira orde para a sustentabilidade do noso sistema de benestar social” e pediu que non se atrase a reforma das pensións xa que o envellecemento do “votante medio” –que agora ten 43 anos–, fará máis difícil cambiar o sistema. “Cunha maior proporción de xubilados, a política económica volverase máis complicada de xestionar”, asegura o Banco de España. Os maiores son menos propensos a consumir e investir pero, ademais, “por culpa da recente crise, o baby boom español chegará á xubilación cun patrimonio relativamente inferior ao de xeracións anteriores”. Pero ademais recadarase menos por cotizacións, ao haber menos traballadores; por renda, ao caer os ingresos pola xubilación; e por tributos indirectos, xa que os maiores consumen máis produtos con tipos reducidos. Un difícil panorama que require reformas inmediatas “mesmo se non existe un consenso absoluto”, aseguran os expertos.

“Só afrontando estes retos de maneira decisiva poderemos dar un impulso adicional á actual fase de recuperación, mellorar a capacidade da nosa economía de facer fronte a escenarios negativos no futuro e anticiparnos ás múltiples consecuencias do importante cambio demográfico que ha de encarar este país”, conclúe o Informe.

(Extracto da reportaxe publicada no número 338 - xullo 2019)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)