Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Viños e música clásica, en perfecta harmonía



REDACCIÓN · PUBLICADO O 17 DE ABRIL DE 2018 · (0)



El Corte Inglés da Coruña acolleu a sesión de Notas de Cata” da Ruta do Viño Rías Baixas a ritmo de música clásica. Degustáronse catro viñoscon historia de adegas asociadas a esta denominación de orixe harmonizados con conservas galegas e con música clásica en directo.


A Ruta do Viño Rías Baixas, incluída no Club de Produto das Rutas do Viño de España, continuou o pasado venres co seu programa “Notas de Cata” na Coruña. A actividade desenvolveuse no restaurante de El Corte Inglés de Ramón y Cajal e contou cunha trintena de asistentes, completando, deste modo, todas as prazas dispoñibles.

O sumiller José Luis Aragunde iniciou a cata comentada de catro viños con historia, poñendo de manifesto a excelente capacidade de envellecemento dos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas. A degustación de cada un dos viños harmonizouse cunha peza musical a cargo dun dúo de corda (violín e violonchelo). Os instrumentistas interpretaron en acústico recoñecidas pezas da música clásica, como o “Canon” de Pachelbel ou a “Pequena serenata nocturna” de Mozart.

Tras a cata comentada, ofreceuse unha degustación de conservas de peixe e marisco achegadas por Anfaco-Cecopesca, na que se probaron mexillóns en escabeche, zamburiñas en salsa de vieira e parrochas en aceite. O dúo de cuerda puxo o broche á sesión cun breve concerto, no que se interpretou o “Menuet” de L. Boccherini, “Sarabande” de G. F. Haendel, a “Aria da Suite en Re” de J. S. Bach, “Music for club Swinging Exercise” de L. Janacek e a “Habanera” da ópera “Carmen” de G. Bizet.

O presidente da Ruta do Viño Rías Baixas, Juan Gil de Araujo, pechou a sesión agradecendo a todos os presentes a súa participación nas actividades organizadas pola asociación sen ánimo de lucro. Pola súa banda, o público valorou positivamente a posta en marcha deste tipo de iniciativas, xa que permiten fusionar os sabores e matices dos viños elaborados polas adegas asociadas cos acordes do violín e o violonchelo. A próxima sesión das “Notas de Cata” celebrarase este venres en El Corte Inglés de Santiago. A cita xa ten todas as súas entradas esgotadas.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)