Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Como facer que a mocidade fale galego?



TERESA ROCAMONDE · PUBLICADO O 18 DE ABRIL DE 2018 · (0)



A Xunta de Galicia quere ter a final de ano un Plan de Dinamización da Lingua Galega na Mocidade capaz de reverter, de forma eficaz, a diminución do uso da lingua propia nos últimos anos. Para iso quere que sexa “o Plan de todos e todas”, un documento de referencia afastado de intereses políticos, ideolóxicos ou de calquera tipo que aglutine ao groso da mocidade galega en torno a un obxectivo: o uso do galego na vida cotiá


O que será o primeiro Plan de Dinamización da Lingua Galega na Mocidade botou a andar días atrás coa presentación na Cidade da Cultura do documento marco co que se traballará con axentes e institucións implicadas para a elaboración final do plan. 

Precisamente na presentación participaron varios representantes de asociacións xuvenís e proxectos destinados á mocidade que relataron as súas experiencias e deron unhas primeiras propostas dirixidas do que debera incluír este Plan cuxa elaboración comeza, xustamente, cun período de aporte de ideas por parte de toda a sociedade galega.

Será, segundo explicou o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, “o tronco sobre o que imos traballar Xunta de Galicia e sectores máis directamente implicados”. O obxectivo é facer un proceso “participativo e aberto, co fin de crear unha folla de ruta realista e útil, que permita coordinar e facer máis efectivas as accións que se desenvolvan cun obxectivo común: incrementar o uso do galego por parte da mocidade. “Os mozos e as mozas son o futuro e, por tanto, os que poden garantir o futuro da lingua galega”, sinalou o conselleiro.

Cecilia Vázquez, directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, fixo un chamamento á “implicación de todos os sectores implicados para obter uns resultados satisfactorios na aplicación deste plan que vai dirixido a eles” para que “o futuro de Galicia sexa construído entre todos e en galego”.

O obxectivo da Xunta, segundo explicou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, é que este plan estea aprobado a finais deste ano 2018, unha vez recollidas as achegas de todos os axentes implicados, que serán analizadas despois polo Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega e o Parlamento de Galicia. De aí a importancia deste proceso inicial no que “todas as persoas e as organizacións interesadas poden realizar as súas contribucións”, como fixeron na propia presentación sete representantes de asociacións e proxectos de éxito en diversos eidos que aportaron xa unhas primeiras ideas do que debería incluír este Plan tendo en conta os datos da situación actual do idioma, que puxo de manifesto a investigadora do Centro Ramón Piñeiro Beatriz G. Turnes e que, malia non ser alentadores, amosan fortalezas que poden ser aproveitadas para mudar esta tendencia.

Fortalezas do galego

A lingua galega presenta actualmente as porcentaxes de coñecemento máis elevadas da historia nas distintas competencias (entender, falar, ler e escribir), ademais de termos “os índices máis altos das linguas cooficiais de España”, tal como subliñou o conselleiro. “Agora é o momento de fomentar o uso máis aló do ámbito educativo, creando situacións contextos e actitudes que favorezan que a mocidade opte pola lingua propia de Galicia en todos os ámbitos da vida”.

Para iso o plan tratará de dar visibilidade ao galego en 9 áreas: asociacionismo, deporte, lecer (concertos, espectáculos..), industrias culturais, formación continua, comunicación dixital e redes sociais, ensino, familia e emprego e emprendemento. Dentro delas, proporanse medidas como o establecemento de acordos cos clubs deportivos para que incorporen a lingua galega ás súas comunicacións, a promoción dunha oferta competitiva de produtos culturais e audiovisuais en galego traducidos, o impulso da transmisión de galego aos fillos nas Escolas de Nais e Pais, o apoio e recoñecemento aos proxectos dixitais que publiquen integramente en galego, o apoio ás opcións dos “neofalantes” como novos usuarios do noso idioma ou o aproveitamento das potencialidades do galego no mundo lusófono á hora de emprender e crear emprego, entre outras.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)