Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Luis Seoane, protagonista en 2019



REDACCIÓN · PUBLICADO O 02 DE XULLO DE 2018 · (0)



A Real Academia Galega de Belas Artes  decidiu, por aclamación, homenaxear a un dos grandes da arte galega do século XX o vindeiro ano e en especial, o Día das Artes Galegas: o 1 de abril.


As citas que se organicen servirán para afundar e difundir máis a figura do creador nado en 1910 en Bos Aires como teórico da arte, deseñador, caricaturista, debuxante e pintor, esencial no Laboratorio de Formas de Galicia e da nova imaxe galega a través das “industrias da memoria”  en Sargadelos e O Castro.

A iniciativa naceu da RAGBA no ano 2015, celebrando ao Mestre Mateo, que dirixiu a colocación dos linteis do Pórtico da Gloria na Catedral compostelá no século XII. Na pasada edición de 2018 a figura homenaxeada foi o arquitecto do Movemento Moderno Alejandro da Sota.

Vivo no exilio

A vida de Luis Seoane, que morreu na Coruña 1979, foi unha longa viaxe á través do século XX. Formado na época de Primo de Rivera, fuxido en 1936, promotor da vida cultural no exilio, viaxeiro e atento aos discursos que ía xerando a súa época foi testemuña de excepción deste século axitado e convulso. A súa obra, o seu pensamento aberto, convérteno nun personaxe destacado no panorama da cultura galega e española do século XX.

En 1910 nace en Bos Aires, nun fogar de emigrantes galegos. En 1916 volve cos seus pais a Galicia, instalándose en A Coruña Xa na década dos vinte, trasládase a Santiago de Compostela, onde se licencia en Dereito e Ciencias Sociais en 1932. Milita en partidos autonomistas e ilustra libros e revistas e realiza as súas primeiras exposicións. En 1934 trasládase a A Coruña, onde exerce como abogado e ingresa no Partido Galeguista. Ao estalar a guerra agóchase, e en setembro fuxe a Bos Aires. En 1937 publica o seu primero libro, “Trece estampas de la traición”.

En 1940 funda as coleccións “Hórreo” e “Dorna” en EMECÉ Editores e en 1943 a revista Correo Literario e a Editorial Nova, e en 1948 funda a editorial Botella al Mar. Entre 1952 e 1962 realiza exposicións en Nova York. Recibe a medalla da Exposición Universal de Bruxelas e do Senado da Nación Arxentina (1958) e o Premio Palanza (1962).  É co fundador de Sargadelos e o Museo Carlos Maside.

A obra

É unha simbiose entre o afán por evocar a arte tradicional de Galicia a través dos petroglifos e da enorme presenza do románico, e a arte das vangardas históricas, admiradas polo pintor. Seoane foi autodidacta na súa apredizaxe plástica e os soportes utilizados para expresar a súa creatividade, alén da pintura, van desde o gravado (xilografía, litografía, etc.), debuxo, muralismo, deseño gráfico (carteis, portadas de libros) e labor editorial.  Na primeira etapa viuse influído polo expresionismo alemán (Grosz, Otto Dix), os estudos de Lissitstzky, a metodoloxía da Bauhaus e polo traballo de Pablo Picasso. A partir dos cincuenta evolucionará cara unha pintura na que redúcese o sentido da profundidade. 

Independentemente da práctica pictórica e do debuxo merece ser lembrado como o gran dinamizador da cultura galega. Fundador da editorial Botella al Mar, voz da emigración a través de revistas como Galicia Emigrante, todo ese traballo culminaría na creación, xunto a Díaz Pardo, do grupo Sargadelos. A súa estética marcou un antes e un despois na historia das artes plásticas en Galicia.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)