Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Obama brindará cun Ribeira Sacra no Cumio da Economía Circular de Madrid



REDACCIÓN · PUBLICADO O 04 DE XULLO DE 2018 · (0)



O ex presidente de Estados Unidos coñece ben os viños de Adega Cachín, tras saborealos tres anos consecutivos na cea de gala do Congressional Hispanic Caucus, en Washington, e pide un mencía “Peza do Rei 2017” para o encontro que se celebrará o venres na capital de España.


Esta non será a primeira vez que Obama brinde con “Peza do Rei”. Todo comezou hai anos cando un grupo americano de importadores visitou a Ribeira Sacra para coñecer os seus viños. Quedaron moi sorprendidos coa zona en si, o tipo de cultivo en terrazas, a orografía do terreo con pendentes moi acusadas que nalgúns casos chegan ao 90% e coa calidade e personalidade dos viños.

Tras uns anos exportando con éxito a Estados Unidos, os importadores lograron introducir o viño de Adega Cachín na cea de gala do “Congressional Hispanic Caucus” en Washington, unha cita de carácter benéfico que reúne á elite empresarial, política e económica de Estados Unidos e á que acude sempre o presidente de EEUU. Barack Obama tivo a oportunidade de probar o viño nesa cita durante tres anos consecutivos e agora, que visita Madrid, poderá de novo brindar con “Peza do Rei”.

Para César Enríquez, propietario de Adega Cachín, “poder estar neste tipo de encontros confirma que o noso produto ten os niveis de calidade suficientes para competir nos mercados e mesas máis esixentes”. “Pode parecer que o máis difícil é lograr un produto de calidade, pero vendelo é igual de complicado, competindo con viños e denominacións de orixe de máis tradición”, continúa Enríquez. “Hai tres anos a Academia de Televisión seleccionou un dos nosos viños para o cóctel que serviu a todos os invitados e acreditados ao acto principal da campaña electoral en España, no debate Cara a cara 2015’ entre Mariano Rajoy e Pedro Sánchez”, lembra o responsable da adega.

Recoñecementos

Adega Cachín naceu hai 28 anos na DO da Ribeira Sacra e produce unhas 60.000 botellas ao ano, das que 15.000 son de tres variedades de branco comúns na zona, outras 5.000 son de tinto que envellece 12 meses en barrica de carballo, e o resto, arredor de 40.000 botellas, son do tinto novo que se serviu na cea e que foi galardonado cun “Acio de Prata” na Cata dos viños de Galicia. En Estados Unidos, este viño recibiu 90 puntos na “International Wine Cellar”. “O noso viño gusta porque a xente quere viños serios, sinceiros, que ulan á variedade e á terra, sen demasiada madeira, sinxelos e fáciles de beber e de dixerir. E nisto a Ribeira Sacra achega moitas oportunidades diferentes”, conclúe Enríquez.

Cachín comezou hai anos a súa estratexia de internacionalización para diversificar oportunidades e asegurarse unha demanda suficiente cada ano. Levan 10 anos exportando a Estados Unidos e as súas botellas tamén se venden en Inglaterra, Irlanda, Suecia e, en menor medida, en Emiratos Árabes. Para Enríquez é fóra onde máis se valora e se recoñece o valor dos seus viños.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)