Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Tres días de loito oficial polo pasamento de Fernández Albor



REDACCIÓN · PUBLICADO O 12 DE XULLO DE 2018 · (0)



Desde que se coñeceu a nova do falecemento de Xerardo Fernández Albor as condolencias e os recordos chegan por ducias cada minito. A Xunta decretou tres días de loito oficial. O funeral terá lugar mañá en Compostela.


O Goberno galego estaba reunido no habitual Consello da Xunta dos xoves cando recibiu a noticia da morte do seu presidente de honra. De seguido colocaron os crespóns negros nas bandeiras de San Caetano e o presidente galego compareceu para loar a quen foi “unha das pezas fundamentais da historia galega do século XX e, sobre todo, un dos principais arquitectos da Galicia autonómica da que hoxe todas as galegas e todos os galegos estamos a gozar”.

Feijóo recordou o “sentidiño” do que fixo gala sempre quen “presidiu Galicia nunha época na que todo estaba por facer e el deixouno feito, pero sempre coa humildade e coa prudencia que o caracterizou ata o final”. Tamén destacou o seu papel como “un dos grandes teóricos do galeguismo inclusivo” e resaltou que “a Galicia que imaxinou Albor é a Galicia que temos hoxe: profundamente galega, profundamente española e profundamente europea”.

O Consello da Xunta decretou tres días de loito oficial polo pasamento do primeiro presidente electo autonómico “como xeito de expresar a dor e o recoñecemento que o noso pobo sente cara á súa figura”, indicou o xefe do Executivo galego. “Vaise un home que pensou que o diálogo é o mellor camiño, que o outro pode ter razón e que o fin nunca xustifica os medios”.

A mediodía Feijóo, acompañado de Rueda e Pedro Puy, desprazouse ata tanatorio de Boisaca, en Santiago, a onde foi trasladado o corpo do ex-presidente e onde mañá pola mañá terá lugar o funeral. 



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)