Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O novo garda forestal galego vixía dende o espazo os montes do sur de Europa



REDACCIÓN · PUBLICADO O 28 DE DECEMBRO DE 2018 · (0)



O nanosatélite Lume-1, desenvolvido por Alén Space para a Universidade de Vigo, xa está en órbita para axudar na loita contra os incendios forestais, tanto para a súa detección temperá como para o seu uso como soporte aos labores de extinción.


Trátase do cuarto nanosatélite creado pola Universidade de Vigo e foi o equipo de Alén Space o encargado de desenvolver e integrar as cargas útiles, así como de xestionar o lanzamento e a súa posterior operación. O Lume-1 forma parte do proxecto europeo FireRS e baséase no uso de sensores colocados en emprazamentos elevados capaces de detectar nun radio de dous quilómetros de altura o comezo dun potencial lume, lanzando unha alarma que será recollida polo nanosatélite e enviada ao centro de control de Toulouse, onde se avaliará a evolución.

Diego Nodar, cofundador de Alén Space, quixo destacar o éxito que supuxo o lanzamento, a pesar de que “os riscos de lanzar un satélite son moi altos e non todo o mundo consegue que funcione, independentemente do preparado que estea e dos recursos que teña”. Por iso aproveitou para felicitar a todo o equipo polo seu duro traballo durante estes meses e engadiu que o máis importante comeza agora. “Quedan meses de sacar proveito desta tecnoloxía que temos agora mesmo no espazo”, apuntou.

A nave escollida para poñer en órbita o Lume-1 foi a Soyuz-2.1a na imaxe, pertencente á Axencia Espacial Rusa (Roscosmos), na que tamén viaxaban dous satélites rusos Kanopus-V para previr desastres naturais, 12 satélites Dove de Estados Unidos, a nave espacial ZACube-2 de Suráfrica, tres satélites alemanes, así como oito naves espaciais Lemur de Estados Unidos.

Primeiro contacto

Tras a súa posta en órbita, ás 10.55 horas de onte, o equipo formado por membros de Alén Space, a Cinae (Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia) e a Universidade de Vigo reuniuse para recibir o primeiro contacto co nanosatélite ao seu paso por Vigo, cuxo sinal recibiron correctamente.

Fernando Aguado, xefe de proxectos aeroespaciais de Cinae e director da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo salientou a importancia deste satélite. “Imos poñer a disposición das autoridades un sistema de comunicación punteiro na loita contra os lumes, unha ferramenta que será utilizada no sur de Europa, pero que podería actuar a nivel global”. Aguado declarou que o lanzamento do Lume-1 é só o primeiro paso deste proxecto e que no futuro esperan incorporar novos satélites.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)