Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Atopámonos no inicio dunha nova era científica”



REDACCIÓN · PUBLICADO O 08 DE MAIO DE 2019 · (0)



O Nobel de Química 2016 e científico neerlandés Ben Feringa, está en Santiago para ser investido esta mañá doutor honoris causa. Pola tarde impartirá unha conferencia aberta ao público, "O gozo do descubrimento", ás 19:00 horas no Auditorio de Abanca.


Enmarcada no Programa Conciencia da USC e do Consorcio de Santiago na conferencia actuará como padriño un dos seus antigos colaboradores, o profesor da USC e investigador principal do CiQUS Diego Peña. O traballo de Feringa no desenvolvemento de motores moleculares unidireccionais considérase clave para o progreso da nanotecnoloxía molecular.

O investigador participa esta semana en Compostela nunha visita institucional convidado polo Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS). Esta non é a primeira vez que visita a cidade na que xa estivo varias veces polo forte vínculo que ten con algúns dos investigadores da USC.

Onte mantivo un encontro cos medios no que insistiu na importancia de fomentar vocacións científicas entre a xuventude. “Debemos preparar o alumnado para que pense non só no presente, senón tamén nos retos descoñecidos do futuro, nas posibilidades que nos depara a ciencia”, dixo. Para iso, os gobernos, “e nomeadamente os europeos”, deben “investir en talento, arriscar en ciencia”.

O programa do catedrático de Química na Universidade de Groningen comezou onte á tarde cun encontro con estudantes de bacharelato de distintos institutos de Galicia ás 16.30 horas no CiQUS, un centro co que o laureado químico mantén unha estreita relación desde hai anos. Pero os actos centrais da visita son hoxe. Nunha cerimonia matinal apadriñada polo profesor da USC e director científico do CiQUS, José Luis Mascareñas, Feringas foi investido doutor honoris causa xunto co profesor Nicholas A. Peppas.

Máquinas moleculares

Feringa é pioneiro no deseño e síntese de máquinas moleculares, é dicir, moléculas que poden actuar coma máquinas de tamaño nanométrico. Estas nanomáquinas coñecíanse en sistemas biolóxicos, pero era un verdadeiro reto construílas artificialmente. Demostrou que isto é posible mediante síntese química en disolución, conectando selectivamente átomos e fragmentos moleculares. Tamén deseñou un ‘nanocoche’, isto é, un composto nanométrico que contén catro motores moleculares coma rodas e que se pode mover sobre unha superficie ao ser sometido a un estímulo externo como é a luz.

O descubrimento levou e levará a numerosas aplicacións científicas de vital importancia. No eido dos fármacos, por exemplo, traballan na construción de medicamentos intelixentes de máxima precisión, que cheguen xusto ao lugar que se precisa e aí se active con luz. Tamén no campo dos materiais, “posibilitando que se reparen sos”, ou na robótica branda coa creación de nanomúsculos.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)