Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A Cámara da Coruña e as súas propostas para mellorar a cidade



REDACCIÓN · PUBLICADO O 09 DE MAIO DE 2019 · (0)



Ante as vindeiras elección municipais resúmelles aos candidatos dos partidos ideas provintes das demandas das empresas, ás quedan voz. Entre elas: a adecuación das liñas de transporte público ás necesidades de traballadores e empresarios, liberdade horaria comercial e a posta en marcha da Oficina de Promoción Industrial.


Queren axuda coa implantación de proxectos industriais, especialmente os que teñen que ver coa industria 4.0, unha adecuada planificación de chan industrial e o apoio á cidade das TIC e á cidade como centro sanitario do Noroeste. O sector náutico reclama potenciar actividades marítimo-pesqueiras levando a lonxa ao porto pesqueiro, ceder terreos ao porto para ampliar o vial exterior, adoptar un acordo para a financiamento do Exterior e unha estratexia de especialización dos portos.

Piden tamén “adoptar medidas que permitan aproveitar a oportunidade que xera o porto exterior e a desafectación de parte dos terreos do porto interior”. Cómpre un consenso para peiraos, infraestruturas para a comunicación… compatibilizando o uso público e privado con criterios de rendibilidade económica; así como levar o ferrocarril ao porto exterior.

No que afecta o comercio interior, destacan a importancia do sector para dar vida á cidade e aos barrios evitando a desertización comercial e os efectos negativos que iso ten sobre as zonas residenciais, así como a potenciación de peonalizacións ou  semi peonalizacións de rúas. Por iso reclaman a axilización dos prazos e procedementos para a obtención de licenzas municipais, facilitar a mobilidade urbana determinando zonas horarias de cargas e descargas adecuadas e reconsiderar, como mínimo, a delimitación espacial actual aprobada da zona de gran afluencia turística ( ZGAT), así como os períodos de autorización de  liberdade horaria actualmente  circunscritos a Nadal, Entroido, Semana Santa e período estival.

Urbanismo

Unha das grandes reclamacións é a axilización da tramitación de licenzas municipais. Tamén coinciden na necesidade de definir o trazado e usos do tranvía e en que a incorporación do carril-bici non supoña unha barreira ao acceso á cidade e na necesidade de dar unha solución adecuada ao tráfico.

Para os sectores de construción e infraestruturas, as empresas da cidade e a súa área reclaman unha estratexia dque axude a consolidar A Coruña como líder metropolitano: axilizar a contratación de obra pública, primando a calidade das propostas ou unha maior axilidade nos procedementos concursais, entre outros. Ademais, esixen que o futuro Goberno municipal esixa á Administración central un maior compromiso coas infraestruturas pendentes como o tren ao porto exterior, melloras no aeroporto de Alvedro, ampliación de Alfonso Molina, a estación intermodal de San Cristóbal, o vial 18 ou o trazado do novo Corredor Atlántico. Tamén reclaman unha extensión da rede de fibra óptica e cable coa revitalización urbana da Cidade Vella.

Nas áreas de Turismo e Hostalería propoñen utilizar o Plan estratéxico de desenvolvemento turístico da cidade como punto de partida, a creación dun plan de promoción inspirado en elementos  identitarios da historia, a cultura e a tradición da cidade; o aproveitamento da inercia do Xacobeo 2021; a recuperación e reactivación da Cidade Vella, o fomento de eventos deportivos; o impulso ao roteiro náutico do Camiño de Santiago e potenciar o turismo náutico. Outras propostas pasan por incluír a cidade no roteiro dos Faros e un plan de actuacións para celebrar o 10º aniversario da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade. Finalmente esixen potenciar as conexións do transporte público de proximidade, mellorar os accesos á cidade, finalizar o proxecto de construción do AVE, introducir o carril bus e potenciar a  intermodalidade.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)