Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Ana Lluch e Pablo Menéndez recollen este luns en Santiago os premios de Investigación Oncolóxica Ramiro Carregal



REDACCIÓN · PUBLICADO O 06 DE XUñO DE 2019 · (0)



Os doutores Ana Lluch Hernández e Pablo Menéndez Buján recollerán este luns, 10 de xuño, no Parador de Santiago os seus premios de Investigación Oncolóxica Ramiro Carregal. Farano, como é habitual, de mans do empresario que dá nome ao Premio, Ramiro Carregal. 


Trátase da oitava edición do Premio Internacional de Investigación Oncolóxica, Científica e Técnica e será a segunda vez que o reciba unha muller, tras recollelo o ano pasado a Dra. Amparo Cano.

Neste caso o galardón, dotado con 20.000 euros, recaeu na Dra. Ana Lluch, xefa do Servizo de Hematoloxía e Oncoloxía Médica do Hospital Clínico Universitario de Valencia e catedrática da Facultade de Medicina da Universidade valenciana. Ambas facetas da premiada, clínica e docente, compleméntanse coa investigadora, centrada en profundar no coñecemento e tratamento do cancro de mama.

Este ano, por primeira vez, entregaranse dous premios, ao incorporarse unha nova convocatoria destinada a Talentos Emerxentes en Investigación Oncolóxica, coa que se quere recoñecer o traballo de moitos investigadores novos que renunciaban a presentarse ao Premio Internacional ante a dificultade de competir co currículo dos prestixiosos candidatos que optaban a el”, explica o presidente executivo do Xurado, o Dr. Rafael López. Na lista de premiados ao galardón internacional destacan, ademais da Dra. Cano, investigadores da talla de Mariano Barbacid, José Baselga, Eduardo Díaz-Rubio, Carlos López Otín, Guido Kroemer ou Luis Paz-Ares.

Apoio á investigación da leucemia infantil

Este novo galardón recaeu na súa primeira edición no Dr. Pablo Menéndez Buján, director científico do Instituto de Investigación contra a Leucemia Josep Carreras e profesor asociado da Facultade de Medicina da Universidade de Barcelona. Precisamente o traballo do grupo que lidera o Dr. Menéndez vén de recibir un impulso esencial da man da Fundación Leo Messi que financiará durante dous anos o proxecto “Ningún neno con leucemia”, que impulsa a investigación dun tipo de leucemia infantil moi pouco frecuente e de mal prognóstico que afecta, sobre todo, a menores dun ano.

Trátase do mesmo traballo polo que este luns recollerá o Premio a Talentos Emerxentes, dotado con 6.000 euros. O fallo do Xurado destacaba “a súa liña de traballo consistente e profunda”, á vez que o Dr. Rafael López o definía como “un talento emerxente que demostrou xa a súa valía e que dará moitas alegrías á investigación oncolóxica nos próximos anos”.

Representación de todos os ámbitos

Ao acto asistirán numerosas personalidades do ámbito universitario, político e científico de toda a comunidade. Tampouco faltarán os membros do Xurado do Premio, entre eles o seu presidente executivo, o Dr. Rafael López, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; o decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC, Julián Álvarez; os catedráticos do mesmo centro Juan Gestal e Manuel Freire-Garabal; Rafael Silva, director territorial de HM Hospitales e, por suposto, Ramiro Carregal, presidente de honra do Xurado.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)