Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Arigal presenta o catálogo “Áridos de Galicia”



REDACCIÓN · PUBLICADO O 10 DE XULLO DE 2019 · (0)



Esta ferramenta servirá para potenciar a internacionalización do segundo recurso máis consumido do mundo. Empresas da Asociación Galega de Áridos xa exportaron a Reino Unido e Francia a través do Porto Exterior da Coruña.


Nun acto desenvolvido na Autoridade Portuaria da Coruña, Arigal levou a cabo a presentación deste documento que recolle unha clasificación dos áridos de Galicia e información útil para atraer operadores de mercados exteriores. O catálogo foi elaborado co apoio da Xunta, grazas ao programa do Igape Galicia Exporta Organismos Intermedios, cuxo obxectivo é favorecer a internacionalización de pemes galegas e consolidar a súa presenza nos mercados internacionais.

Tras salientar que Galicia é a comunidade autónoma que recibe máis apoio e investimento público para favorecer a chegada dos seus produtos a novos mercados, cun financiamento do 90% dos custos de aloxamento, desprazamentos ou catálogos, entre outros, o representante do Igape sinalou que a meta final destas axudas é que “as nosas empresas estean en todos os continentes”, un obxectivo que, segundo destacou, no sector dos áridos está cumpríndose pouco a pouco. Así, este ano Bélxica e Reino Unido repetiron como principais países importadores, mentres que entraron outros novos comoa os Estados Unidos e Suíza.

A presentación levouse a cabo na Autoridade Portuaria da Coruña, porque se trata dun dos puntos neurálxicos na exportación destes materiais. O seu presidente, Enrique Losada, indicou que o Porto da Coruña, e especialmente a dársena de Langosteira, é un aliado e punto estratéxico en toda a cadea de produción e exportación de áridos, polos seus calados, as súas amplas chairas e o seu afastamento de núcleos habitados. “As cifras demóstrano, xa que en 2018 se moveron polos peiraos do Porto da Coruña, e de forma maioritaria por Punta Langosteira, máis de 800.000 toneladas de cemento, clínker, cuarzo, granito, minerais de aluminio, areas, etcétera”, explicou. “Temos capacidade para aumentar estas cifras e para crecer xunto a todos vós neste sector verdadeiramente relevante para a Autoridade Portuaria”, engadiu deixando as portas abertas a “todas as iniciativas e propostas que poidan plasmarse na xeración de novos negocios e actividade económica, que é o principal obxectivo de quen estamos hoxe aquí”.

Útil para a internacionalización

Pola súa banda, José Lista, presidente de Arigal, aproveitou para agradecer o apoio do Igape e do Porto da Coruña nas accións de internacionalización dos seus asociados. Ademais destacou a importancia deste catálogo como “ferramenta para chegar a novos mercados”, xa que o seu obxectivo é “que o árido galego sexa recoñecido no exterior pola súa gran calidade para a construción”.

Segundo salientou no mesmo acto o director executivo da asociación, Carlos Martínez, durante 2018 se produciron en Galicia preto de 10 millóns de toneladas de áridos, a pèsar de que “as canteiras galegas teñen capacidade para producir máis do dobre”. Así, explicou que Galicia pode dar resposta a unha demanda cada vez máis crecente dun material empregado como balastro para as vías ferroviarias, fabricar o formigón, asfalto para estradas… e que constitúe a segunda materia máis consumida do mundo despois da auga.

Martínez tamén comentou que o proceso de internacionalización comezou en 2015, un momento en que os áridos só se consumían a nivel local. “O árido habitualmente non viaxa, xa que encarece moito os custos, e as canteiras adoitan estar preto dos centros de consumo”. Por este motivo, destaca a alianza establecida coa Autoridade Portuaria da Coruña e con outros portos galegos e que lles permitiu exportar áridos a países como Bélxica, Holanda, Alemaña e Francia. Dentro do catálogo hai seis produtos diferentes, “o produto máis exportado ata o momento é a escollera, pero a demanda doutros áridos como o balastro para o sector ferroviario vai ser moi alto noutros países onde non contan con canteiras”.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)