Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Nace unha nova firma galega de roupa infantil



REDACCIÓN · PUBLICADO O 09 DE AGOSTO DE 2019 · (0)



A deseñadora Tamara Valverde, nada en Nigrán en 1983, vén de poñer á venda “Anduriñas”, a súa primeira colección inspirada na costa atlántica e cargada de emocións.


A colección está composta por 13 pezas fabricadas con tecidos 100% algodón e confeccionadas en España. Hai anos que a idea roldaba na cabeza de Tamara, que é licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e que recentemente vén de especializarse en patronaxe infantil. Foi a partir de entón cando fixo o seu primeiro mostrario que presentou a ano pasado na Feira Internacional da Moda Infantil e Xuvenil que se celebra en Madrid e, ante a boa acollida, entre o público decidiu facer a súa primeira produción. Así que hai un par de meses lanzouse ao mercado cunha colección de maior cantidade e que está á venda por Internet a través da súa propia páxina web www.tamaravalverde.com. A idea é seguir medrando e a finais do verán sacar unha nova colección de roupa infantil para a tempada outono/inverno baseada na moda sostible e emocional.

Calquera das 13 pezas de roupa que compoñen a colección están dispoñibles para nenas entre os 3 e os 11 anos e entre elas atopamos tamén algunha prenda para nenos e para adultos. “Son pezas de roupa sostibles e duradeiras confeccionadas cuns tecidos de alta calidade”, sinala Tamara Valverde.

Ademais de sostible, a colección responde ao “feito en España” xa que se fabrica en talleres do territorio nacional. Detrás de todo o proceso está Tamara Valverde e é ela mesma quen se encarga de que calquera envío estea no seu destino en menos de 72 horas e de coidar o packaging no que nunca falta unha andoriña.

A moda, unha paixón

Tamara Valverde licenciouse en Belas Artes pola Universidade de Vigo e unha boa parte da súa carreira profesional desenvolveuna no eido da moda. Conta con máis de 12 anos de experiencia neste sector no que desempeñou postos relacionados co deseño, a patronaxe e a confección tanto en proxectos propios como para outras marcas.

Tamara leva toda a vida creando. É unha persoa moi activa e dende nena xa facía as súas propias pulseiras, vestidos para as súas bonecas, polo que a moda gustoulle dende sempre. E algúns dos seus traballos xa se puideron ver en lugares como na Galicia Fashion Week (2010), no certame de mozos deseñadores da Mostra do Encaixe de Camariñas (2011) ou no certame de mozos deseñadores de Ferrol Nordress (2011).



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)