Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Galicia despega no sector dos drons



REDACCIÓN · PUBLICADO O 14 DE AGOSTO DE 2019 · (0)



ITG vén de poñer en marcha UAVlab, unha infraestrutura tecnolóxica para a provisión de servizos avanzados e diferenciais na área dos vehículos aéreas non tripulados co objetivo de impulsar a competitividade e a innovación do sector en Galicia.


Con esta solución, cofinanciada pola Axencia Galega de Innovación (Gain), a través de Fondos Feder, o Instituto Tecnolóxico de Galicia ofrece servizos avanzados e diferenciais ás empresas no sector dos drons, facilitando a súa adaptación á evolución da regulación tanto nacional como europea, e ao volume de negocio esperado para os próximos anos. En concreto, UAVlab achega melloras no procesado de imaxe e análise de datos; contempla o deseño e desenvolvemento de sistemas de mantemento preditivo para operacións autónomas de drons; inclúe o deseño e desenvolvemento de aplicacións para o segmento terra (GCS, móbil, PC…), autopilotos e outros sistemas necesarios, e permite ofrecer servizos avanzados para o deseño e integración de hardware de control de voo e, en xeral, a posta a punto de sistemas aéreos non tripulados, mediante infraestrutura avanzada de previsión meteorolóxica de precisión e en tempo real, sistemas de posicionamiento preciso, etc.

Iniciada en 2018, a infraestrutura de UAVlab foi empregada con éxito en proxectos con clientes e colaboradores estratéxicos do centro. O pasado mes de xullo a infraestrutura púxose a disposición de ensaios pioneiros en campo liderados por Enaire e Everis. UAVlab, dende a súa posta en servizo a finais de 2018, empregouse noutros proxectos de I+D do centro, con empresas como Indra Sistemas, SDLE (Star Defense Engeneering and Logistics) ou a galega Balidea Consulting. O plan de explotación de UAVlab contempla incrementar o volume de servizos avanzados de I+D, propios ou en colaboración con empresas e entidades, en paralelo co desenvolvemento do mercado de aplicacións baseadas en drons.

O director xeral de ITG, Carlos Calvo, destaca o forte incremento que se está a producir no sector xa que a finais de xaneiro de 2018 xa había uns 2.800 operadores rexistrados polo Ministerio de Fomento, o que supoñía un aumento respecto a 2017 dun 49,75%. Segundo indica, un 90% destes operadores son pemes e autónomos, que se dedican a traballos de tipo audiovisual. Non obstante, afirma que a entrada en vigor da nova lexislación para vehículo aéreos non tripulados (UAV) “supón un salto cualitativo no tipo de traballos que se poden levar a cabo”, e para este ano agárdase que se incrementen de forma considerable, outras funcións como “a vixilancia nocturna ou servizos en zonas poboadas”. “Polo momento falta que se autorregulen a oferta e a demanda, hai un exceso de operadores cualificados para traballos sinxelos mentres que as tarefas de maior complexidade comezan a demandarse máis, pero as bases están sentadas para o despegue do mercado”, engade.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)