Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Galicia é a terceira comunidade que rexistra máis accidentes laborais graves e mortais



REDACCIÓN · PUBLICADO O 30 DE AGOSTO DE 2019 · (0)



UGT denuncia que este sinistros se incrementaron un 6,25% no primeiro caso e un 26,3% no segundo, e que a precarización que sufriu o mercado laboral nestes últimos anos está detrás desta situación.


“Unha análise dos datos de sinistralidade laboral en Galicia dos seis primeiros meses do ano, último dato facilitado polo Ministerio de Traballo, amosa un panorama preocupante ante o cal urxe tomar medidas porque a sinistralidade non pode converterse nunha característica inherente ao mercado laboral desta comunidade”. Isto é o que denuncia UGT-Galicia nun comunicado emitido esta mañá, no que culpa desta situación aos anos de crise, en tanto que “levaron a unha forte precarización do mercado laboral galego”, así como á “imposición dunha reforma laboral que só trouxo precariedade e situou ao traballador na parte máis débil da balanza en relación ao empresario”.

Neste sentido, o sindicato alerta sobre uns datos que indican que na primeira metade do ano 13.878 persoas foron vítimas dun accidente laboral nesta comunidade, o que supuxo un incremento dun 3,76% en relación aos datos rexistrados hai un ano neste mesmo período (13.374 sinistros). Ademais, nesta cifra global de sinistralidade, UGT advirte de que Galicia só é superada por comunidades como Andalucía, Cataluña, Comunidade Valenciana, Madrid ou País Vasco, “todas elas con moita máis poboación e unha maior actividade económica e produtiva”.

Segundo apunta no seu comunicado, dese total, 24 accidentes foron mortais (19 hai un ano), 238 graves (224 hai un ano) e 13.616 tiveron a consideración de leves (13.131 hai un ano), o que supuxo uns incrementos do 26,3%, do 6,25% e do 3,6%, respectivamente, que sitúan a Galicia como a terceira comunidade autónoma con máis accidentes graves e mortais. Neste sentido, pon o exemplo da provincia da Coruña que, con 108 sinistros graves nun período de seis meses, rexistra máis accidentes que comunidades autónomas como Aragón, Asturias, Baleares, Cantabria, Castela-A Mancha, Murcia, Navarra, País Vasco ou A Rioxa.

Unha análise por provincias indica que a sinistralidade medrou en todas, excepto en Pontevedra: un 9,6% na Coruña, un 10,5% en Lugo e un 1,6% en Ourense. Por actividades económicas, destaca a industria manufactureira con 4.028 accidentes, seguida da construción con 2.015, o comercio ao por maior e menor e reparación de vehículos con 1.934, a agricultura, gandería, silvicultura e pesca con 1.088, e os transportes e almacenamento con 1.096 accidentes con baixa laboral nos primeiros seis meses de 2019.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)