Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

As reclamacións dos gandeiros galegos ao cártel do leite superan os 16 millóns de euros



REDACCIÓN · PUBLICADO O 04 DE SETEMBRO DE 2019 · (0)



Están afectadas a práctica totalidade das explotacións galegas xa que as condutas sancionadas foron secundadas por Leite Río, Leite Celta,  Feiraco e Lactalis. Tamén poderán reclamar as máis de 2.000 explotacións que pecharon nos últimos 4 anos en Galicia.


Segundo Ignacio Caruncho, avogado e director do despacho coruñés  Caruncho, Tomei &  Judel, “as prácticas sancionadas abren a porta a que as explotacións inicien procesos xudiciais contra as grandes empresas de recollida do leite. Estamos a falar de miles de reclamacións que ascenderán a millóns de euros en base á sanción da  CNMC segundo o volume de produción afectado”.

As prácticas  anticompetitivas foron o intercambio de información sensible, a nivel nacional e rexional sobre os prezos de compra de leite cru de vaca e sobre os volumes de compra de gandeiros e excedentes do leite. Os produtores afectados sospeitaron da existencia dalgúns acordos entre as industrias dados os obstáculos á hora de cambiar de comprador. Un estudo realizado por Competencia indica que parece existir unha estratexia de acordo de prezos de compra, as empresas evitan competir en prezos entre si. Os prezos fíxanse mediante un sistema  rotatorio que dificulta a detección da práctica, pois nunca é o mesmo comprador quen o establece.

Galicia é a comunidade máis afectada en España polas prácticas do cártel do leite. É a oitava rexión láctea a nivel europeo, concentra o 55% das explotacións de España e produce preto da metade do leite, pero as súas granxas son as que menos cobran. Esta situación supuxo que en 10 anos pecháronse máis de 6.000 explotacións gandeiras, ante unha situación insustentable para o sector. A cota láctea tamén foi un lastre para as explotacións e xunto coas prácticas monopolísticas o dano aos gandeiros galegos foi irreparable.

A práctica totalidade das explotacións gandeiras galegas foron afectadas por estas prácticas, xa que o sector galego está operado por catro grandes industrias: Leite Río, Leite Celta,  Feiraco e  Lactalis. Todas elas foron expedientadas, pero no caso das tres primeiras, as súas infraccións xa prescribiron, polo que só poderán reclamar os gandeiros que traballan con  Lactalis. Esta compañía recollía en Galicia de maneira diaria un total de 1,5 millóns de litros de leite, máis de 540 millóns de litros ao ano. “En 2015 Competencia xa sancionou ás empresas lácteas pero un recurso alegando un defecto de forma atrasou o suficiente a sanción como para que moitas delas queden impunes. Pero hai outras que aínda terán que facer fronte a miles de reclamacións, mesmo de explotacións que pechasen recentemente”, engade Ignacio  Caruncho.

A sanción que a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia impuxo ao denominado “ cártel do leite” ten unha consecuencia inmediata: poderán reclamar por un importe que podería alcanzar os 16 millóns de euros só polo último exercicio. A esta cantidade habería que engadir as correspondentes a exercicios anteriores nos que tamén se realizaron estas prácticas ilegais.

O  cártel

A Asociación de Empresas Lácteas de Galicia (AELGA), Calidade Pascual, Central Leiteira de Galicia ( CELEGA), Corporación Alimentaria  Peñasanta ( CAPSA), Danone, o Gremio de Industrias Lácteas de Cataluña (GIL), Grupo  Lactalis Iberia,  Nestlé España, Industrias Lácteas de Granada (Puleva) e  Schreiber  Food España participaron e foron sancionadas polas infracción. Industrias Lácteas Asturianas (ILAS), Leite Río, Feiraco, Leite Celta,  Forlactaria e Central Leiteira Asturiana tamén participaron neste cártel pero as súas infraccións xa prescribiron, como se citou.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)