Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Coidar os pés dende pequenos



REDACCIÓN · PUBLICADO O 07 DE OUTUBRO DE 2019 · (0)



O Colexio de Podólogos de Galicia conmemora mañá en Ferrol o Día Internacional da Podoloxía cunha xornada sobre o pé infantil, para concienciar á población da necesidad dunha prevención e atención temperá nos rapaces para evitar trastornos no pé adulto.


A xornada, organizada en colaboración coa Facultade de Enfermaría e Podoloxía da Universidade da Coruña (UDC), celebrarase no Salón de Actos do Vicerreitorado do Campus de Esteiro de 10.30 a 13.00 horas, e será inaugurada polo presidente do Colexio de Podólogos de Galicia, Juan Dios Tomé; a xefa territorial de Sanidade na Coruña, Cristina Pérez Fernández; un representante da Consellería de Educación; o vicedecano da Facultade de Enfermaría e Podoloxía, Pedro Gil Manso; un representante de Fanpas Ferrolterra, e a presidenta de Congapa Ferrol, Patricia Pérez.

A xornada centrarase na prevención e atención temperá nos nenos para evitar trastornos no pé adulto, xa que a maioría das patoloxías se resolven ou melloran o seu prognóstico cun tratamento precoz. Contarase coas intervencións da podóloga e profesora da facultade ferrolá, Carolina Rosende Bautista, que falará de podoloxía infantil nun relatorio titulado “Pés e traspés”; a doutora en podoloxía Ana Requeijo Constenla, coa súa charla “O pé infantil ben merece unha tese”, e a profesora da Facultade de Enfermaría e Podoloxía da UDC, Fátima Santalla Borreiros, que tratará a “Actuación ortopodolóxica no pé infantill”.

Ademais, durante os actos do Día da Podoloxía se presentará o conto infantil “Só tres letras teño, pero o teu peso sosteño”, un procecto do Colexio de Podólogos de Galicia realizado coa pedagoga Yolanda Rial Vázquez. O libro ten como finalidade concienciar aos máis pequenos sobre a importancia do coidado dos seus pés a través dun material didáctico sinxelo e entretido.

Díptico

Para difundir a importancia da prevención dos problemas nos pés dos nenos á cidadanía, o Colexio de Podólogos de Galicia elaborou o díptico informativo “Os pés dos teus fillos non son cousa de nenos”. En moitas ocasións, os pais e coidadores detectan anomalías na forma de camiñar e apoiar dos rapaces que poden pasar inadvertidas nas revisións periódicas de atención primaria, pero os podólogos dispoñen de todos os instrumentos para diagnosticar e comprobar se eses signos ou anomalías son alarmantes ou forman parte do desenvolvemento do neno. O colexio puntualiza que os cinco signos que se deben ter en conta son se o rapaz se cae con frecuencia, amosa apatía polos deportes ou se cansa ao camiñar, se se descalza a miúdo, se camiña cos pés cara dentro ou no bico dos pés, se se queixa de dor en pernas e pés, ou se as súas uñas e pel non teñen aspecto normal.

En colaboración coas confederacións de Anpas galegas –Confederación Galega de ANPA (Congapa), a Confederación Galega de ANPA de Centros Públicos (Confapa-Galicia) e a Confederación ANPA galegas–, distribuiranse 120.000 destes dípticos e máis de 1.200 exemplares do conto infantil a cada unha das escolas de educación infantil de toda a xeografía galega.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)