Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Os arquitectos galegos reivindican o dereito á vivenda no Día Mundial da Arquitectura



REDACCIÓN · PUBLICADO O 07 DE OUTUBRO DE 2019 · (0)



Piden fomentar a vivenda nova e tamén a existente con políticas de rehabilitación e mantemento, coa súa correspondente adecuación aos estándares de accesibilidade, habitabilidade e seguridade actuais.


O Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) celebra hoxe o Día Mundial da Arquitectura, de acordo á convocatoria anual da Unión Internacional de Arquitectos (UIA) e o Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España (Cscae) –efeméride que coincide co Día Mundial do Hábitat das Nacións Unidas–. Este ano a conmemoración pon o foco de atención na necesidade e o dereito á vivenda, baixo o lema “Arquitectura… vivenda para todos”, a modo de esixencia e compromiso coa sociedade por parte dos arquitectos. Hoxe enviarase un manifesto institucional do COAG ao Parlamento de Galicia e ás deputacións provinciais.

Os arquitectos galegos inciden na necesidade de facer políticas que fomenten o dereito á vivenda, regulado pola Constitución Española no seu artigo 47 e no artigo 25 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos. “Non só se debe fomentar a vivenda nova, senón tamén a existente con políticas de rehabilitación e mantemento do parque de vivendas, coa súa correspondente adecuación aos estándares de accesibilidade, habitabilidade e seguridade actuais”, explica. Así, o colexio profesional quere que, tanto a Administración como a sociedade en xeral, conten cos arquitectos, “os únicos profesionais capacitados por formación, vocación e lei” para alcanzar este reto, e cunha visión plural e unha perspectiva do proceso ampla e independente e historicamente acreditada por unha importante carga de altruísmo e conciencia social.

Ademais, o colexio considera que o arquitecto, como estudoso da tipoloxía da vivenda ao longo de séculos e sempre en función das necesidades dos usuarios e da sociedade, é coñecedor dos problemas que presenta a vivenda hoxe en día, “encaixada por normativas xa superadas e que necesitan ser revisadas para responder ás novas demandas da sociedade e aos obxectivos de sustentabilidade”. Nesta liña, o COAG alude ao Observatorio 2030, un proxecto estratéxico do Cscae destinado a contribuír á creación de espazos urbanos máis inclusivos, seguros e sostibles a través da unión de todos os axentes implicados no deseño das cidades en España, desde as administracións públicas ata os grupos industriais e o terceiro sector (fundacións, asociacións, institutos tecnolóxicos e universidades). Seguindo esta pauta, as delegacións do Colexio de Arquitectos de Galicia compartirán no Día Mundial da Arquitectura e ao longo das próximas semanas as súas vontades e capacidades para procurar una vivenda digna para todas as persoas.

Actividades

Con motivo do Día Mundial de Arquitetura, as distntas delagacións do COAG conmemorará esta data con distintas actividades. Na Coruña, coa exposición de debuxos do arquitecto Pablo Tomé “Mirar!!!”; en Ferrol, coa proxección dun documental sobre os “Modos de habitar. Vivenda para todos” e cun taller creativo para alumnos de primaria do Colexio Valle Inclán; en Lugo, recollendo as propostas do plan LIFE Lugo + Biodinámico e outras iniciativas históricas de vivenda social; en Ourese, coa mesa redonda “A estación intermodal: futuro de Ourense”; en Pontevedra, coa lectura do manifesto “Arquitectura...vivenda para todas e todos” no ámbito das vivendas sociais do barrio de San Antoniño e cun ciclo de conferencias, e en Santiago, coa mesa redonda “Vivenda para todos”.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)