Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

As pacientes de cancro de mama toman a palabra



REDACCIÓN · PUBLICADO O 09 DE OUTUBRO DE 2019 · (0)



O 19 de outubro conmemórase o Día Mundial Contra o Cancro de Mama. Con tal motivo o mércores 16 HM Hospitales organiza unha xornada na que as pacientes poderán consultar dúbidas sobre calquera aspecto da enfermidade e o tratamento así como facer aportes que poidan mellorar ese duro proceso. A inscrición está aberta.


Coñecer ben a enfermidade á que se enfronta unha persoa axuda a levar mellor o proceso, de aí que HM CIOCC quere aproveitar a II Xornada 'Xuntas Contra o Cancro' para “responder ás principais dúbidas que asaltan ás mulleres que teñen que enfrontarse a un cancro de mama en todos os seus estadios, desde o diagnóstico, durante o tratamento e no período que vai xusto despois”.

Para iso o mércores 16 de outubro máis dunha vintena de profesionais relacionados con esta patoloxía intervirán simultaneamente desde Santiago de Compostela, Madrid e Barcelona para dar resposta ás dúbidas que expoña o público presente nas tres sedes, elixidas por ser as cidades nas que ten delegación o Centro Integral Oncolóxico Clara Campal HM CIOCC. Entre os relatores haberá nomes de recoñecido prestixio como os doutores Teresa Curiel e Joan Albanell, directores dos centros de Galicia e Barcelona, ou a Dra. Eva Ciruelos, coordinadora da Unidade de Mama de HM CIOCC en Madrid.

A Dra. Ciruelos explica que a principal preocupación para as pacientes no momento do diagnóstico é saber algo “sobre o seu prognóstico e a gravidade da situación, así como dos tratamentos que terán que realizar e como estes afectarán ao seu día a día”. Posteriormente xorden “dúbidas e medos” sobre como comunicar o diagnóstico no ámbito familiar e xa inmersas no tratamento as súas inquietudes varían. “Nos casos con enfermidade precoz, as dúbidas sobre os riscos de recaída no futuro son case inevitables”, indica a Dra. Ciruelos, mentres que no contexto dunha enfermidade avanzada as dúbidas xiran en torno á evolución e resposta do tumor, como son os resultados das probas de revisión, ata cando o tratamento, toxicidades…

En Galicia

Todas esas dúbidas poderán ser consultadas na Xornada prevista para o mércores 16 de outubro, ás 15:00 horas, e que se desenvolverá simultaneamente desde tres sedes, que estarán conectadas en tempo real.

En Galicia a xornada terá lugar no Hotel Monumento San Francisco de Santiago, onde estarán fisicamente, ademais da Dra. Curiel, o Dr. Eduardo García Rico, coordinador programa Comunidade de Pacientes HM Hospitales que queren implantar proximamente na nosa comunidade. Tamén intervirán Pilar Míguez, oncoCare de HM CIOCC Galicia, Raquel Arca, paciente da Unidade de Mama do Centro, e Miriam Rojas e Lourdes Álvarez de Paz, psicooncóloga e traballadora social respectivamente da AECC.

En total máis dunha vintena de persoas intervirán nesta Xornada aberta á participación de calquera interesada. Para asistir hai que reservar praza no correo electrónico mesanchez@hmhospitales.com indicando a sede á que se quere acudir.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)