Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

HM Modelo volve ser centro médico oficial do Dépor



REDACCIÓN · PUBLICADO O 29 DE OUTUBRO DE 2019 · (0)



O presidente do Real Club Deportivo, Paco Zas, e o director territorial de HM Hospitales en Galicia, Rafael Silva, asinaron a renovación do acordo polo que o hospital HM Modelo prolongará a súa condición de centro médico oficial do club branquiazul durante esta tempada.


Ademais das probas médicas e a atención sanitaria que o grupo hospitalario presta ao club desde hai anos, o acordo inclúe importantes novidades, como unha “campaña de sensibilización e de fomento de hábitos saudables que se está ultimando e se presentará proximamente”, segundo adiantou o director do grupo hospitalario Rafael Silva. 

Trátase dunha acción que se prolongará durante o próximo ano co fin de trasladarlle á afección do Dépor e a toda a sociedade a importancia de coidar a súa saúde no día a día. Para iso contarase coa excepcional axuda dos deportistas do Club, “que son un referente a seguir, especialmente para os máis novos”, indica o grupo nun comunicado.

Nesta liña tamén se enmarca a Semana Cardiovascular que HM Hospitales levará a cabo por quinto ano consecutivo a finais de novembro e na que participarán futbolistas do club coruñés co fin de sensibilizar a poboación sobre a necesidade de manter unha vida saudable que contribúa a previr eventuais problemas cardiovasculares.

O acordo inclúe tamén a presenza do logo de HM Hospitales durante os partidos, unha visita dos xogadores do primeiro equipo do Dépor a HM Modelo e das xogadoras do Deportivo feminino á Maternidade HM Belén.

Centro médico oficial desde 2014

HM Modelo converteuse en centro médico oficial do Real Club Deportivo no verán de 2014. Desde entón, o grupo hospitalario e ou club foron renovando este acordo que dá cobertura sanitaria aos seus deportistas, pero permite tamén á afección seguir de preto o estado de saúde dos xogadores a través da páxina web rcdeportivo.es e das redes sociais do Club.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)