Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A CEL, satisfeita polo apoio das forzas políticas de Lugo á Autoridade Portuaria na provincia



REDACCIÓN · PUBLICADO O 30 DE OUTUBRO DE 2019 · (0)



O secretario da patronal lucense asistiu onte tamén a unha nova reunión da Plataforma Atlántico Noroeste na que volveu insistir na importancia de Monforte de Lemos como nodo loxístico para a entrada e saída de mercadorías en Galicia.


A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) manifiestou onte a súa satisfacción polo apoio unánime do pleno da Deputación Provincial de Lugo, ao que asistiu o conselleiro delegado da patronal, Eduardo Valín, á moción para solicitar ao Goberno central a creación en San Cibrao dunha Autoridade Portuaria de Lugo. A organización empresarial amósase confiada en conseguir por fin para a súa provincia esta demanda histórica, tras esta nova mostra de unanimidade e clamor social en Lugo para contar cun organismo de xestión propio para os recursos xerados polos portos de interese xeral na provincia.

Mentras tanto e pola súa banda, o secretario da CEL, Jaime López, asistiu en León a unha nova reunión da Plataforma Atlántico Noroeste (PAN), na que se aprobou un documento consensuado coas necesidades de cada un dos territorios sobre as infraestruturas a incorporarse na extensión ao Noroeste do Corredor Atlántico. Nesta reunión o representante dos empresarios lucenses defendeu unha vez máis a importancia de Monforte como nodo loxístico para a entrada e saída de mercadorías, non só pola súa situación estratéxica e por formar parte da rede básica, e por tanto susceptible de recibir fondos europeos Conecta Europa, senón tamén por resultar esencial para asegurar a competitividade dos portos do norte, vertebrar o territorio e loitar contra a despoboación do interior de Galicia.

A reunión de onte da PAN, de carácter técnico, tivo lugar nas oficinas da Federación Leonesa de Empresarios (Fele) co obxectivo de definir a proposta da plataforma sobre as infraestruturas que deben incorporarse na extensión ao noroeste do Corredor Atlántico. Á reunión asistiron representantes das organizacións empresariais e as cámaras de comercio de Galicia e Asturias, e das provincias de León, Zamora e Salamanca, liderados polo presidente da plataforma, Javier Cepedano. Así mesmo, a reunión contou coa presenza do conselleiro de Fomento e Medio Ambiente da Xunta de Castela e León, Juan Carlos Suárez Quiñones.

Conectar Europa

Cómpre destacar que un dos obxectivos cos que se constituiu esta plataforma foi conseguir esa extensión do Corredor ferroviario Atlántico, que finalmente foi aprobada pola Comisión Europea. A partir dese momento, o traballo da plataforma centrouse en deseñar e reivindicar proxectos concretos que entren dentro do financiamento do programa Conectar Europa. Esa foi unha das liñas de traballo da reunión onte: comezar a traballar na definición dun mapa de infraestruturas prioritarias que opten a ese financiamento. Proxectos nos que se dea prioridade a redes de mobilidade intelixente, segura e sostible, como destacou Vicente Luque, asesor técnico da plataforma. Así, se desenvolverá unha proposta de rede ferroviaria de alta velocidade no noroeste de España; rede ferroviaria convencional para transporte competitivo de mercadorías, e de redes de estradas, de portos e de terminais ferrocarril/estrada.

O resultado foi a aprobación dun documento consensuado por todos os membros no que se inclúen as prioridades de cada un dos territorios, que se defenderá ante o Goberno central e os executivos autonómicos implicados. Un documento flexible que estará rematado no prazo dun mes. Para a plataforma, a definición detallada do Corredor Atlántico extendido ao noroeste é “importante e urxente” dado que estas propostas se teñen que incluír nos Plans de Traballo Multianuais para 2021-2023, que serán aprobados pola Comisión Europea proximamente. Por iso, solicita ás administracións colaboración no establecemento das prioridades.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)