Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Cociña a base de mel



REDACCIÓN · PUBLICADO O 06 DE NOVEMBRO DE 2019 · (0)



Lara del Río e Mel de Galicia protagonizan este sábado en Pontevedra un showcooking, no que a chef galega elaborará dous pratos salgados e dous doces, nos que o elemento predominante será o ouro doce da natureza galega, acompañado por produtos galegos con denominación de orixe.


Por cuarto ano consecutivo, os produtos máis selectos de Galicia e os nomes que despuntan no panorama gastronómico nacional reúnense na feira gourmet Etiqueta Negra de Pontevedra, dende o sábado ata o luns. Nesta edición, a cita contará co talento da chef Lara del Río que, da man da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia, ofrecerá un showcooking que promete ser toda unha celebración foodie que conquistará aos asistentes a través dos cinco sentidos.

Ás 12.00 horas do sábado, a chef e copropietaria do restaurante Balieiros, cuxa formación se desenvolveu en Casa Solla e El Celler de Can Roca, se porá tras o lar do Etiqueta Negra para elaborar catro pratos que teñen como punto de partida o Mel de Galicia. Todos eles contarán con produtos galegos con denominación de orixe –Mel de Galicia, Castaña de Galicia, queixos Arzúa-Ulloa e Cebreiro, Mexilón de Galicia, Grelos de Galicia, Pataca de Galicia e Pan de Cea– e cimentaranse no recetario da rexión, dando forma a unha cociña imaxinativa e innovadora na que prima a calidad. As recetas prometen ofrecer toda unha explosión de sabores.

A súa proposta parte dun veo de Mel de Galicia sobre ensalada de Mexilón de Galicia, Cebreiro e Pan de Cea, para continuar cunha elaboración idónea para a estación na que nos atopamos: perlas de Mel de Galicia con orella, dados de Pataca de Galicia e crema de Grelos de Galicia. Mentres, os amantes das mesas doces non se poderán resistir á galleta de Mel de Galicia en compota de balieiros e ouro doce, seguida do barquillo de Mel de Galicia sobre cama de Arzúa-Ulloa, Castaña de Galicia e toffee de ouro doce. Toda unha festa culinaria na que aprender a combinar os produtos de tempada dun xeito orixinal e deliciosa, ao máis puro estilo gourmet.

Mel de etiqueta

A IXP Mel de Galicia chega á cita con dobre motivo de celebración, xa que vén de superar a Enac (Entidade Nacional de Acreditación) sen ningunha “non conformidade”. Cómpre lembrar que o 27 de novembro de 2015, Mel de Galicia obtivo esta certificación, recoñecendo a súa calidade, competencia técnica e sendo o primeiro Consello Regulador dunha IXP de mel en España que a acadaba. Sen dúbida, unha forma de revalorización do produto e recoñecemento de marca que se ve reforzado a día de hoxe. Trátase do Consello Regulador de España que maior cantidade de mel certifica e o único con panel de cata propio. Unha xoia gastronómica cuxa achega nutricional é incuestionable, posto que o Mel de Galicia posúe o maior contido en minerais e vitaminas rexistrado, segundo un estudo realizado pola Universidad de Vigo.

Con este showcooking, o Consello Regulador da IXP Mel de Galicia incide en poñer en valor un produto diferenciado e de calidade, a través do etiquetado. Co obxecto de protexer ao máximo ao consumidor, o CR advirte sobre a necesidade de buscar na etiqueta a denominación de calidade Mel de Galicia, Indicación Xeográfica Protexida que se pode ler nun lugar destacado. Con ela garántese a súa calidade e orixe galega. Ao adquirir mel baixo a denominación Mel de Galicia, o consumidor estará colaborando cos apicultores galegos, mantendo a biodiversidade e apostando por un produto que compite en calidade diferenciada no mercado do mel a nivel mundial.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)