Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A CEO prepara unha homenaxe a cinco empresarios ourensáns



REDACCIÓN · PUBLICADO O 08 DE NOVEMBRO DE 2019 · (0)



Concepción Amorín (Arreglos Amorín), Mario Dacosta (Grupo Hispamoldes), Lito Seoane (Lito Seoane Peluqueros), Manuel Álvarez (Álvarez Quintela Ingeniería Mecánica) e Antonio Piña (Grupo Anpián) serán homenaxeados o día 22 nun xantar, pola súa aposta firme polo emprendemento na provincia.


Ademais do anuncio desta celebración, a xunta directiva da Confederación Empresarial de Ourense foi informada tamén da nova programación da CEO en canto a accións formativas para desempregados, (os coñecidos como cursos AFD), que a entidade desenvolverá dende este mesmo mes ata o setembro de 2020. En total levaranse a cabo oito cursos de distintas familias profesionais e niveis, dous deles correspondentes a competencias claves de nivel 3. Destacan os relativos ás áreas de Comunicación, Marketing e Novas Tecnoloxías (Programación de sistemas informáticos, Xestión de Marketing e Comunicación, e Desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web), que se complementan cos de Organización e xestión de almacéns, Actividades administrativas e relación co cliente, e Xestión e control do aprovisionamento. Con estas accións a confederación mantén a súa extensa e recoñecida traxectoria adicada á formación profesional para o emprego –destinada tanto a desempregados como a traballadores en activo– na que atesoura xa tres décadas de experiencia.

No transcurso da reunión a presidenta da patronal ourensá, Marisol Novoa, realizou un repaso da actividade institucional e de representación levada a cabo por ela mesma e outros directivos da entidade, así como as iniciativas de distinta natureza organizadas pola confederación. Desta recompilación, destacou sobre todo o impulso e afianzamento das accións que o Departamento de Promoción Exterior da CEO leva a cabo coa organización das misións comerciais como as máis recentes a México, Suecia e Dinamarca. Igualmente, aproveitou para felicitar aos presidentes de autónomos, David Martínez, e lousistas, Víctor Cobo, pola reelección nos seus cargos, e ás caras novas en distintas asociacións como María Cabanelas –a súa sucesora ao fronte das mulleres empresarias–, a Jesús de Dios ao fronte dos floristas por xubilación de Inés Lage, a presidenta do colectivo os últimos catro anos, e a Roberto Freire, que preside a asociación de Maceda en substitución de Soledad Limia.

Novoa lembrou tamén as reunións mantidas ultimamente con representantes institucionais e da administración nas que a CEO exerce de canalizadora de demandas, como as celebradas no Concello de Ourense, a Deputación ou máis recentemente coa ministra de Economía en funcións, Nadia Calviño, xunto ao resto de representantes empresariais galegos, para trasladarlle as inquietudes do colectivo en temas como o Brexit, o AVE ou a desaceleración económica. Igualmente, fixo especial fincapé na reunión mantida a pasada semana en León xunto ás confederacións empresariais do noroeste peninsular, reunidas na Plataforma Atlántico Noroeste co fin de facer un fronte común na defensa das infraestruturas prioritarias do Corredor Atlántico. A plataforma aprobou un documento consensuado por todos os membros que concreta as necesidades de cada un dos territorios, que se defenderá ante o próximo Goberno central e os gobernos autonómicos implicados. En resumen, un avance na definición dese mapa de infraestruturas no que a CEO solicitou a incorporación da estación de mercadorías no Polígono de San Cibrao das Viñas como actuación ineludible.

A presidenta rematou a súa intervención esgrimindo algúns datos económicos para perfilar o que definiu como un “momento fráxil no que nada axuda a inestabilidade e parálise política que atravesamos”, e aproveitou para subscribir o Decálogo de Prioridades Empresariais que a CEOE estableceu como primordial para esixir ao Goberno que saia das urnas este domingo, xa que “son primordiais para enderezar o rumbo do país e sacalo deste atasco”.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)