Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A insubstituíble madeira



REDACCIÓN · PUBLICADO O 08 DE NOVEMBRO DE 2019 · (0)



O estudo MRM Arquitectos, o deseñador de interiores Iván Cotado e Pablo Crespo, xerente de Imaisdé Design Studio, amosaron esta mañá a experiencia que teñen empregándoa no seu traballo. Os profesionais auguran un futuro prometedor a esta materia prima.


Estamos ante o material que mellor encarna os conceptos da bioeconomía e economía circular. Diso falaron preto de cen profesionais do mundo da arquitectura, o deseño e a industria da madeira citados esta mañá nas X Xornadas de Arquitectura e Deseño, organizadas polo Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia (CMD), en colaboración coa Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) na Cidade da Cultura.

Tras as quendas profesionais celebrouse unha mesa redonda á que se sumou o presidente do CMD, moderada polo arquitecto Luís Gil Pita, e na que se abordaron  as principais liñas de actuación a desenvolver conxuntamente poñendo de manifesto que deseño e industria non poden estar separados. Sinalouse que as empresas que incorporen investimentos en intanxibles son as que permiten poñer en marcha estratexias empresariais de diferenciación, sustentables no tempo e que achegan valor engadido aos clientes.

José Manuel Iglesias anunciou que o Clúster aprobou en Xunta Directiva constituírse en editora, decidindo iniciar unha colección sobre deseño  biofílico coa publicación dun manual no que traballaron un grupo de doutores arquitectos. Para iso, contarase coa colaboración de Xera para a edición deste e outros exemplares aliñados co interiorismo e construción.

A novidade desta edición foi a celebración dun foro aberto entre todos a modo de faladoiro de café dinamizada polo arquitecto, José Ángel Carreira Montes na que os asistentes, de maneira distendida, puideron conversar e compartir experiencias e expectativas no uso da madeira, e establecer contactos que poidan facilitar as colaboracións profesionais nun futuro.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)