Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O gañador da vixésima edición do Premio Aresa é Asoporcel



REDACCIÓN · PUBLICADO O 04 DE DECEMBRO DE 2019 · (0)



O xurado valorou o labor desenvolvido pola Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta a prol desta raza autóctona galega e dos seus produtos. A gala de entrega do premio terá lugar o 28 de febreiro no auditorio da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo.


O Vicerreitorado do Campus de Lugo foi o lugar elixido para dar a coñecer o gañador desta edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, que convocan a Universidade de Santiago de Compostela e o grupo Aresa. Os cinco membros do xurado, integrado polo reitor da USC, Antonio López Díaz; a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto; o presidente do grupo Nogar e da Asociación Galega da Empresa Familiar, Víctor Nogueira García; o catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela, investigador e experto internacional en xenética, Ángel Carracedo Álvarez, e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, reuníronse esta mañá para avaliar as 13 candidaturas presentadas e deron a coñecer o nome do galardoado.

Os membros do xurado prestaron especial atención a aquelas candidaturas que xerasen postos de traballo de calidade no rural, que puxesen en valor os produtos da terra, que recuperasen subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais con potencial para desenvolverse e que buscasen innovar en produtos e métodos produtivos. Neste sentido, Antonio López afirmou que “a candidatura foi elixida por unanimidade por cumprir con todos os requisitos das bases do premio”. O reitor da USC engadiu que “Asoporcel, proxecto nacido en 1999, abarca xa a máis de 135 socios, máis de 3.000 cabezas de gando porcino e un volume de facturación de máis dun millón de euros. É merecedor do premio pola posta en valor da raza e dos seus produtos feitos en Galicia”.

Ademais, o reitor da Universidade recoñeceu a calidade do resto de propostas presentadas: traballos realizados sobre agricultura galega, presentados por Ramón Fuentes Colmeiro; Greenalia SA; cátedra do pan e do cereal, de M. Belén García, Ángeles Romero e Santiago Pereira; creación e lanzamento da marca de calidade Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, por parte da Asociación de Desenvolvemento Rural “Mariñas de Betanzos”; Confederación de Empresarios de Lugo; proxecto museístico do Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria (Muvicla), por Marcos Vázquez Marey; proxecto Cultivando Galicia, de Pablo Antonio Fraga Gontán; Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Cebreiro; Centro de Promoción Rural EFA-Fonteboa; Gandería Quintiáns; Coren Cooperativas Ourensás, e Cooperativa A Carqueixa.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)