Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

As eleccións galegas están máis no aire que nunca



REDACCIÓN · PUBLICADO O 11 DE MARZO DE 2020 · (0)



O presidente da Xunta de Galicia adiantou onte a posibilidade dun aprazamento da convocatoria electoral. O catedrático de Dereito Constitucional na USC, Roberto Blanco Valdés, considera que se trata dun escenario máis que probable. “A día de hoxe a situación non é tan grave en Galicia pero se evoluciona como é previsible é un disparate facer eleccións”, asegurou hoxe a ECO.


O presidente da Xunta de Galicia asegurou onte estar valorando aprazar as eleccións autonómicas previstas para o 5 de abril, se “pode estar en risco a saúde pública e o dereito a sufraxio dos galegos”. Alberto Núñez Feijóo falaba por vez primeira desta posibilidade na rolda de prensa convocada tras presidir a comisión interdepartamental de seguimento da infección por coronavirus en Galicia. 

Sería a primeira vez que se dá esa situación en 40 anos de democracia, pero non só é algo posible senón que probable se se cumpren as previsións de evolución do virus. Así o explicou esta mesma mañá a ECO o catedrático de Dereito Constitucional na Universidade de Santiago de Compostela, Roberto Blanco Valdés. O profesor asegura que é un escenario posible e mesmo idóneo, malia a excepcionalidade do mesmo.

É unha obviedade que as eleccións poden atrasarse. Non hai previsión lexislativa porque se trata dunha situación excepcional e, como soe ocorrer coas situacións excepcionais, non se prevé. Celebramos varios centenares de eleccións en 40 anos en España e nunca se deu esta situación pero iso non significa que poida pasar algo extraordinario que obrigue a facelo, como pode ser o caso”, asegura o profesor Blanco Valdés.

Tan factible como que está contemplado na Lei Orgánica 4/1981, de 1 de xuño, dos estados de alarma, excepción e sitio, cuxo artigo 4 indica que “o Goberno, en uso das facultades que lle outorga o artigo 116.2 da Constitución poderá declarar o estado de alarma, en todo ou parte do territorio nacional, cando se produza unha alteración grave da normalidade”, que pode ser, tal como indica a continuación “crises sanitarias, tales como epidemias, e situacións de contaminación graves”.

E esta é a vía que o catedrático de Dereito Constitucional considera prudente seguir: que o Goberno decretase o estado de alarma en Galicia e País Vasco e o comunicase á Xunta electoral para que tomase as medidas pertinentes. Os pasos posteriores non están claros debido a esta excepcionalidade, pero parece que este primeiro paso sería o idóneo para darlle base xurídica a un posible atraso electoral que o profesor considera necesario valorar detidamente.

“A situación a día de hoxe en Galicia non parece tan problemática como para suspender pero aínda nesta situación, convocar eleccións é un risco”, asegura Roberto Blanco. “Hai que ver o que pasou no resto do mundo e o que pasou en Madrid nos últimos 10 días. Se a iso lle sumamos estudantes e persoas das zonas afectadas que están regresando e poderían ser silentes, e as previsións que hai sobre o pico do virus en Galicia, que indican miles de contaxios neses primeiros días de abril… convocar unhas eleccións parece un disparate”.

Galicia é unha sociedade envellecida e iso supón un dobre risco, sinala o profesor Blanco Valdés. Por unha banda o risco sanitario, xa que a taxa de mortalidade por coronovirus é maior nas persoas de máis idade, polo que sería unha irresponsabilidade sometelas a un perigo evidente. E por outra, igualmente esencial, “porque non se garante o dereito á libre expresión de voto de todos os electores”, explica o catedrático.

A mesma explicación dada onte polo presidente da Xunta para evocar ese posible “aprazamento”. O que non parece posible é que se produza baixo as condicións de idoneidade que sinala o profesor Blanco Valdés: que todos os pasos se desen co consenso de todas as partes, é dicir, Goberno estatal, goberno autonómico, partidos políticos… 

(Extracto da reportaxe que se publicará no número 346)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)