Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

As multinacionais son as empresas que máis aumentarán o teletraballo en 2020



REDACCIÓN · PUBLICADO O 16 DE MARZO DE 2020 · (0)



As pemes, pola súa banda, teñen máis dificultades técnicas para implantar este sistema de flexibilidade e a aplicarán en menor medida. A Administración, o sector financeiro e o educativo son os sectores que máis aumentarán este ano as opcións de teletraballo.


O impacto do coronavirus no mundo laboral representará un antes e un despois na forma que as empresas ven o teletraballo. Nos últimos días, moitas compañías están adoptando esta solución como medida de prevención ante posibles contaxios. Neste sentido, a Guía do Mercado Laboral de Hays 2020 –elaborada antes da crise da COVID-19– recolle que as multinacionales son as que máis se abren a este tipo de flexibilidade (71%), por diante das startups (66%) e as pemes (64%).

Ao respecto, Salvador Sicart, director de Hays Response en España, asegura que “as pemes o teñen máis difícil na medida en que tecnoloxicamente están menos avanzadas, e as grandes empresas teñen máis pola man eses recursos técnicos”. “O cambio cultural tamén é maior entre pemes e grandes empresas”, engade.

En total, o 67% das compañías tiña previsto aumentar este ano as opcións de teletraballo respecto ao ano anterior, un 7% máis que en 2019. Por sectores, os que teñen previsto incrementar as opcións de teletraballo son a Administración, o sector financeiro e o educativo, mentres que a atención ao cliente, a electrónica e a construción son as áreas de actividade que menos poderán implantalo.

Sicart considera que “o coronavirus está acelerando esta flexibilidade do teletraballo, pero cando pase teremos que ver se se instaura de forma xeralizada ou se volvemos á situación de antes”. “Nestes momentos, o teletraballo estase utilizando para continuar coa actividade das empresas en lugar de para reter o talento, polo que, cando pase a crise, volveremos ao escenario anterior”, apunta.

Por zonas

Por áreas xeográficas, na zona de Levante, a porcentaxe de aumento do teletraballo elévase ata o 72% das empresas, mentras que en Madrid e Cataluña se queda no 69%. Só o País Vasco (64%) e Andalucía (43%) están por debaixo da media española. Estes datos seguen a tendencia á baixa de presencialismo.

Un 54% das empresas, segundo a Guia Laboral Hays 2020, son partidarias do traballo presencial, tres puntos menos que hai un ano. Pola súa banda, as compañías que ofrecen unha combinación de traballo presencial e teletraballo (39%) tamén aumentan, concretamente dous puntos máis que en 2019. En canto á opinión dos traballadores, o 86% deles opina que se pode implementar o teletraballo sen problemas, aínda que máis da metade recoñece non poder facelo ata agora, e só un de cada dez considera que non é unha solución viable.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)