Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Os hostaleiros priorizan a suspensión dos alugueres



REDACCIÓN · PUBLICADO O 25 DE MARZO DE 2020 · (0)



Hostalaría de España, principal representante dos empresarios do sector a nivel nacional, chama ás partes implicadas a atopar unha solución no pago das rendas dos locais durante o tempo de peche como consecuencia do estado de alarma “ante a inacción institucional neste ámbito”.


Dende esta asociación instan ao Goberno e aos arrendadores a acadar medidas como as que se están levando a cabo en Francia, Italia, Alemaña, Qatar ou Canadá, entre outros, solicitando á Administración central que tome decisións neste sentido. O sector hostaleiro español é un dos sectores máis afectados pola paralización da actividade e demanda medidas urxentes que inxecten liquidez de forma rápida e sinxela ao colectivo de pequenas empresas, micropemes e autónomos que compoñen o tecido empresarial hostaleiro do país”, indica nun comunicado.

Segundo explica Hostalaría de España, a suspensión da renda dos alugueres é de especial urxencia para un sector de fráxil estrutura financeira e con lentitude no acceso ás medidas de apoio que impulsarán as administracións. Neste sentido afirma que “facemos este chamamento dende a firme convicción de que o esforzo financeiro para salvar a nosa hostalaría debe recaer en toda a cadea de valor do sector”. Esta cancelación do pago solicitan que sexa efectiva xa nos recibos que se liquiden a finais do mes de marzo e principios do mes abril, e afecten ás rendas a devengar dende o 14 de marzo. Así mesmo, insiste en que “diluír os efectos financeiros da crise entre todos os axentes implicados na actividade hostaleira é a única maneira de asegurar a pervivencia dos nosos establecementos unha vez que se recupere a normalidade sanitaria e social no país”.

Por iso, afirman dende a organización que, “ademais das razóns de dilución do efecto financeiro da crise entre todos os compoñentes da cadea de valor hostaleira, consideramos que ao ser a actividade dos nosos negocios unha das suspendidas polo Real Decreto 463/2020 e en aplicación do artigo 1.105 do Código Civil, atopámonos ante un suposto de exoneración de rendas por forza maior”. Neste sentido, lembra que, “en aplicación da doctrina Rebus Sic Stantibus, o arrendatario é exonerado do pago de alugueres ou rendas, dende a data de entrada en vigor do referido Real Decreto 463/2020”.

Continuidade

Por outra banda, instan aos hostaleiros a buscar unha solución cos seus arrendadores ante este suposto de exoneración, co fin de intentar asegurar a continuidade dos negocios unha vez que remate esta grave crise sanitaria. O fin que se persegue con esta medida é inxectar liquidez aos establecementos para preservar a continuidade. Finalmente, Hostalaría de España invita aos seus asociados e aos empresarios do sector hostalaría que animen aos seus arrendadores a solicitar o resarcemento do dano económico sufrido pola vía da reclamación patrimonial á Administración Pública.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)