Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

AJE Ourense implícase cos colectivos máis vulnerables ao contaxio



REDACCIÓN · PUBLICADO O 26 DE MARZO DE 2020 · (0)



Os mozos empresarios ourensáns puxeron en marcha diversas iniciativas solidarias para axudar aos veciños de Ourense durante o tempo que se manteña esta corentena. A asociación xa xestionou 130 chamadas na primeira semana de confinamento a través do seu servizo de reparto a domicilio.


Grazas á colaboración de máis dunha vintena de voluntarios, AJE Ourense xestiona un servizo telefónico de axuda a domicilio que, dispoñible de luns a venres de 10.00 a 18.00 horas, consiste na compra en supermercados, de medicamentos sen recetas e na realización de comidas preparadas. Desta forma xa son un cento as persoas que recibiron menús na porta dos seus fogares e 50 as que realizaron as súas compras a través deste servizo a domicilio.

Outra das iniciativas que a asociación puxo en marcha ao longo desta corentena son as 100 viaxes gratuítas destinadas a todas aquelas persoas que se adiquen ao ámbito sanitario. Para acceder a este servizo, o profesional interesado deberá poñerse en contacto a través do 988 011 374 e compartir o código de desconto 4444. Ao cabo dun tempo, un taxi recollerao na porta da súa casa, garantizando un traslado seguro. Na actualidade, son máis de 50 as viaxes financiadas pola asociación a través deste servizo.

Estas iniciativas encádranse nun proxecto solidario que a asociación leva a cabo a través da plataforma de crowdfunding Kukumiku, na que todos os cidadáns que queran colaborar con este proxecto poden facelo a través dunha achega simbólica. Actualmente, a asociación recadou 1.010 euros, na súa maioría achegas anónimas que impulsan estas iniciativas.

Ante a situación de caos e incerteza na que se atopa a sociedade actualmente, a asociación tamén habilitou un número de atención ao empresario. Este servizo está dispoñible a través do número de teléfono 988 368 180 de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas. Por medio desta liña, AJE Ourense, en colaboración con Ceaje, ofrece información actualizada ao minuto sobre medidas do Goberno, axudas, documentación descargable, e outros aspectos relacionados coa situación provocada pola COVID-19.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)