Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Edar Bens e a USC miden a presenza de coronavirus nas augas residuais coruñesas



REDACCIÓN · PUBLICADO O 14 DE ABRIL DE 2020 · (0)



A investigación, que se fai en colaboración co Grupo de Investigación de Microbioloxía do Instituto de Investigación Biomédica (Inibic), servirá para medir a incidencia do SARS-CoV-2 na poboación e predicir futuros brotes, así como para deseñar sistemas que impidan a súa propagación ambiental.


A empresa pública que depura as augas residuais urbanas da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros vai poñer en marcha un proxecto de investigación para coñecer o grao de incidencia na poboación do SARS-Cov-2, causante da pandemia da COVID-19, mediante a análise da carga viral presente nas augas residuais e lodos da depuradora de Bens.

“Este proxecto vai permitir medir a concentración do virus nas feces e urina da poboación da Coruña e a súa contorna. Os datos que obteñamos poden ser válidos para saber cantos cidadáns están infectados, aínda que non se lle realizasen tests ou pasasen a COVID-19 sen síntomas”, sinala Carlos Lamora, director xeral de Edar Bens SA. “Ademais, se mantemos a toma de mostras no tempo poderemos estar alerta ante posibles rebrotes do virus no futuro”, agrega.

A responsable do proxecto será a doutora Margarita Poza Domínguez, profesora asociada da UDC e investigadora sénior do Inibic, grupo coordinado polo doutor Germán Bou. En opinión da doutora Poza o estudo “non só permitirá monitorizar o estado da epidemia na nosa rexión, senón que servirá tamén para facer estudos sobre organismos multirresistentes e de metaxenómica”.

O estudo

O proxecto, no que Edar Bens SA investirá 50.000 euros, desenvolverase durante seis meses nos que o persoal da empresa pública tomará mostras de augas residuais e lodos nos municipios aos que presta servizo. As mostras tomaranse en diferentes zonas ou áreas atendendo a parámetros como a densidade de poboación ou o seu perfil, como por exemplo poboacións xuvenís fronte a poboacións envellecidas. Ás instalacións de Bens chegan as augas residuais de catro centros hospitalarios da área sanitaria coruñesa que actualmente acollen persoas infectadas co SARS-CoV2: o Chuac, o Hospital Modelo, o Quirón e o San Rafael.

Tendo en conta que a maioría da poboación asintomática que teña o virus non vai ser detectada mediante tests, os datos obtidos das augas residuais poden ofrecer indicadores fiables da realidade epidemiolóxica do conxunto da poboación. Esta monitorización servirá tamén para predicir posibles brotes futuros e facer comparativas entre distintas poboacións, zonas ou áreas xeográficas concretas.

Ademais, este estudo poderá dar pistas sobre como se pode mellorar o tratamento das augas residuais co fin de reter a maior cantidade de partículas virais nos seus lodos de decantación antes de vertelas ao mar unha vez depuradas. Iso permitirá que as augas que sexan devoltas ao medio leven a menor carga viral posible e se evite a propagación ambiental do virus. Por todo iso, o proxecto ten un marcado carácter epidemiolóxico, pero tamén ecolóxico.

Toma de mostras

A toma de mostras levarase a cabo nas instalacións de Edar Bens SA por parte de persoal técnico da empresa e o seu tratamento realizarase coa colaboración do grupo Bioengin de Bioenxeñería Ambiental e Control de Calidade da Universidade da Coruña-Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) e de Rubén Reif, técnico de Proxectos e Innovación do CICA. Na análise intervirán expertos do Grupo de Microbioloxía do Inibic, do Servizo de Microbioloxía do Chuac, do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (Citic) da UDC e investigadores do Grupo de Microbioloxía da UDC e da Universidade de Viena.

“Con este proxecto, Edar Bens SA prosegue co seu labor de promoción da investigación e o coñecemento como panca para variar o sistema económico dunha sociedade, á vez que presta o servizo esencial de tratamento das augas residuais das máis de 450.000 persoas que viven na Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros”, sinala Lamora, quen destacou o gran traballo que están levando a cabo estes días todos os operarios das distintas instalacións da empresa.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)