Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O turismo galego trasládalle ao PSdeG a súa difícil situación



REDACCIÓN · PUBLICADO O 13 DE MAIO DE 2020 · (0)



Unha representación do Clúster Turismo de Galicia mantivo un encontro co secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, que se comprometeu a comunicar as observacións do sector ao Goberno. O líder socialista cualificou o Plan de Reactivación da Xunta como dotado de escasos fondos.


Na vídeoconferencia mantida onte, na que tamén participaron Xoaquín Fernández Leiceaga, presidente do PSdeG e senador; Pablo Arangüena, vicesecretario xeral, e Adolfo Pérez Abellás, deputado e portavoz da Comisión de Industria, Comercio e Turismo no Congreso dos Deputados, os representantes do CTG explicáronlles as difíciles circunstancias polas que atravesa o sector, e o seu presidente, Cesáreo Pardal, resaltou o peso específico do sector na economía galega e o seu papel fundamental na saída da anterior crise.

Por este motivo, Pardal chamou a atención sobre a necesidade de que as diferentes administracións públicas, especialmente o Goberno de España, sexan sensibles co sector, que necesita máis fondos para garantir a súa viabilidade e futuro. Tanto Pardal como os outros representantes do sector, César Sánchez-Ballesteros, secretario do CTG; Jesús Picallo, Sara Santos, Diego Otero e Juan Antonio Rivadulla, vogais do clúster, destacaron a complexa situación do sector e a incerteza na aplicación das novas medidas hixiénico-sanitarias, ademais de poñer sobre a mesa a especial situación que viven as axencias de viaxes no que se refire aos bonos con validez dun ano, así como da flexibilización dos ERTE, poñendo ademais sobre a mesa a posiblidade de que se aproveite esta circunstancia excepcional para mellorar o funcionamento dos aeroportos galegos.

Pola súa banda, Gonzalo Caballero amosou o seu interese por servir de enlace co Goberno para trasladarlle as preocupacións e cuestións presentadas polo sector. O secretario xeral do PSOE galego fixo fincapé ademais en que o plan de reactivación para o sector turístico posto en marcha pola Xunta conta cunha dotación presupostaria escasa, polo que considera importante ter en conta a falta de fondos.

Tamén hai que ter en conta que vai haber presuposto europeo e que haberá que ver como reestruturar os presupostos e reorientar partidas que non se puideron levar a cabo ante a situación actual. Finalmente, Caballero destacou que é consciente da importancia de flexibilizar os ERTE, xa que son medidas moi custosas para o sector turístico galego.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)