Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Os pacientes poden, e deben, volver ao médico”



REDACCIÓN · PUBLICADO O 20 DE MAIO DE 2020 · (0)



O chamamento da directora médico de HM Hospitales en Galicia repítese estes días en todos os centros sanitarios, aos que están chegando casos de patoloxías agravadas pola demora na atención sanitaria. Por iso hospitais, policlínicos e centros de saúde insisten en que hai que acudir “sen medo” cando a situación o require.


O grupo HM Hospitales comezou esta semana a recuperar a actividade en Galicia de forma graduada e seguindo os novos protocolos de seguridade, tanto os xenerais como os establecidos polos departamentos de prevención de riscos e de medicina preventiva do grupo, para facer fronte á situación provocada pola covid-19.

Paralelamente á apertura de certos servizos notouse un incremento na actividade, especialmente en Urxencias. “Apreciouse un lixeiro incremento na actividade urxente nesta semana, especialmente nestes últimos días, observando xa casos de patoloxías agravadas pola demora na atención”, explica a Dra. Pilar Múgica, directora médico de HM Hospitais en Galicia.

Por iso é necesario insistir na necesidade de devolver a confianza á poboación. “Os hospitais son lugares seguros e tanto os espazos como o persoal que traballa neles coñece á perfección as medidas de seguridade necesarias para atender con todas as garantías”, explica a doutora.

Medidas de seguridade en todos os ámbitos

Todos os hospitais do Grupo na comunidade contan con circuítos de baixa exposición covid-19 debidamente sinalizados con indicadores coa distancia de seguridade, en accesos, corredores, salas de espera, ascensores e mostradores.

Todo o persoal sanitario atende equipado coas medidas de protección necesarias para garantir a súa seguridade e a dos pacientes e implementouse un protocolo de actuación precirúrxico que inclúe PCR en todos os pacientes nos que está recomendado. Así mesmo estanse facendo test de detección de anticorpos a todos os traballadores para detectar de maneira preventiva calquera contaxio e modificáronse e reforzado todos os protocolos de limpeza, tanto de instalacións como de material e tecnoloxía utilizada. Todo co fin de ofrecer a máxima seguridade aos pacientes.

Desde o grupo subliñan que a seguridade “é aínda maior en centros como o oncolóxico HM CIOCC Galicia ou a Maternidade HM Belén da Coruña debido a que son centros independentes que non atenderon casos de covid-19, polo que a seguridade é máxima”.

A Dra. Múgica explica que as maternidades “seguiron traballando e atendendo partos con normalidade e sen ningún problema durante o estado de alarma e tamén se mantiveron os tratamentos oncolóxicos cuxa paralización podía prexudicar o curso da enfermidade”.

No ámbito oncolóxico é onde os especialistas máis insisten en non demorar as consultas, tratamentos e calquera dúbida, porque a efectividade das terapias oncolóxicas dependen, en gran medida, dun diagnóstico e tratamento precoces. O mesmo piden desde Cardioloxía ou Neuroloxía, cuxos especialistas se están atopando con eses casos “agravados” pola demora na consulta. Por iso a súa mensaxe é clara: “Os pacientes non só poden, senón que deben, acudir ao médico, ao centro de saúde, ao hospital…”.

Receita electrónica privada

Esta semana púxose en marcha de forma pioneira no grupo HM Hospitales a receita electrónica privada que supón “un fito no sector”. Realízase a través de DNI electrónico e garante un acceso máis seguro, controlado e eficiente aos medicamentos, ademais de ser interoperable coas farmacias de calquera parte de España de modo que o paciente pode retirar a súa medicación desde o punto máis próximo ao seu domicilio.

Grazas a este novo servizo que xa está funcionando en Galicia, facilítase o acceso á medicación reducindo notablemente o número de consultas e desprazamentos innecesarios. Un avance para a seguridade e a comodidade dos pacientes.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)