Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Unha nova técnica galega mellora a reconstrución da mama tras a mastectomía



REDACCIÓN · PUBLICADO O 28 DE MAIO DE 2020 · (0)



A Dra. Cristina Varela puxo en marcha un estudio no Centro Integral Oncolóxico Clara Campal, HM CIOCC Galicia, para avaliar o impacto dunha nova técnica na que leva varios anos traballando. Trátase dun implante personalizado que permite reconstruír a mamila de forma segura, estética e definitiva.


“Cando se ten cancro o prioritario é curalo pero, unha vez curado, hai moitas feridas que pechar, físicas e psicolóxicas”. Así explica a Dra. Cristina Varela Lamas a necesidade de ofrecer ás mulleres mastectomizadas solucións efectivas que lles permitan volver á súa vida “normal” tras o duro proceso da enfermidade.

A cirurxiá especialista en patoloxía mamaria do Hospital HM Rosaleda foi pioneira no seu día en realizar tatuaxe de areola-mamila co fin de ofrecer unha atención integral ás mulleres mastectomizadas. Con este mesmo obxectivo puxo en marcha unha nova técnica pioneira que permite reconstruír a mamila mediante unha prótese de polietileno personalizada (Nupple) na que leva traballando varios anos co fin de superar algúns inconvenientes das técnicas actuais.

“Existen diversas técnicas cirúrxicas para a reconstrución do complexo areola-mamila, como os enxertos doutras zonas do corpo, xeralmente da inguinal –o que supón unha cicatriz na zona doante e receptora–, colgaxos locais e doazón da mamila contralateral”, explica a Dra. Varela Lamas. “Con este dispositivo melloramos aínda máis o aspecto final da mama, conseguindo un volume de mamila duradeira no tempo, co único fin de mellorar a calidade de vida das sobreviventes de cancro de mama”.

Estudio coas primeiras pacientes

A Dra. Varela puxo en marcha un estudo no HM CIOCC Galicia para avaliar o impacto de Nupple na satisfacción, calidade de vida, imaxe corporal e autoestima das pacientes. “Existen diversos estudos que avalían a satisfacción das pacientes reconstruídas e o seu benestar psicosocial, sexual etc. Para moitas delas resulta esencial o aspecto físico e especialmente a proxección conseguida a longo prazo. E isto é o que ofrece esta alternativa ás técnicas cirúrxicas actuais, conseguindo un volume de mamila duradeira no tempo”.

Trátase dunha técnica sinxela que se realiza de forma ambulatoria. “O implante, totalmente personalizado, introdúcese a nivel subdérmico mediante unha mínima incisión no punto de máxima proxección da mama. A paciente pódese ir ao seu domicilio tras a intervención e pódese incorporar á súa actividade diaria ao día seguinte evitando facer esforzos a primeira semana e realizando unha sinxela cura diaria”, explica a Dra. Cristina Varela.

Atención integral 

A todo iso súmase un excelente resultado estético que permite recuperar a imaxe, a autoestima e a calidade de vida da paciente, que é o obxectivo final de todo este proceso. Un fin en liña coa filosofía de HM CIOCC, centrado en ofrecer unha atención multidisciplinar, personalizada e integral aos pacientes oncolóxicos.

A técnica está indicada en pacientes mastectomizadas de calquera idade que xa teñan a reconstrución mamaria feita pero que estean pendentes de facer a reconstrución do complexo areola mamila, un paso esencial na recuperación destas pacientes, tal como demostran múltiples estudos.

“Con Nupple culmino un proxecto de moitos anos de traballo destinado a mellorar a calidade de vida das sobreviventes de cancro de mama”. Esta nova técnica, complementada coa tatuaxe de areola-mamila, permite ofrecer un resultado completamente natural e permanente, “un paso máis na curación destas mulleres”, conclúe a cirurxiá.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)