Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Termómetro da desescalada



REDACCIÓN · PUBLICADO O 29 DE MAIO DE 2020 · (0)



O Observatorio Abanca by Ieside (Instituto de Educación Superior Intercontinental da Empresa) achega ao tecido produtivo galego de autónomos, profesionais, comercios, negocios, pemes e empresas; datos que sirvan de soporte para as súas decisión. O seu primeiro informe é unha análise de big data para a monitorización do noso proceso de desconfinamento.


A partir de datos anónimos de compras con tarxeta, o estudo cuantifica en 41 puntos porcentuais a caída da actividade comercial na fase de confinamento e constata a súa progresiva recuperación ata un nivel do 93% tras as últimas semanas de desescalada. Ademais, identifica os sectores cuxo peso na cesta da compra máis se incrementou (alimentación) e reduciu (transporte e lecer).

Para a realización deste informe analizáronse 106 millóns de operacións con tarxeta realizadas polos clientes de Abanca entre o 1 de xaneiro de 2019 e o 24 de maio de 2020. A información foi tratada de forma anónima e estruturada en seis grandes sectores: alimentación, farmacia, transporte, comercio comerciante polo miúdo, lecer e outras actividades. Tras esta primeira edición, a entidade publicará novas series de datos. O presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet Rodríguez; o conselleiro delegado, Francisco Botas, e o director xeral de RSC e presidente de Afundación/Ieside, Miguel Ángel Escotet, reuníronse na presentación feita onte.

Nas datas previas ao comezo do confinamento, os datos poñen de manifesto un momentáneo repunte da actividade comercial polo efecto acopio,. Unha vez pasado ese momento inicial, na primeira semana do confinamento a actividade comercial reduciuse de forma brusca ata o 59% do punto de referencia pre-covid. Desde ese mínimo obsérvase unha tendencia ascendente, con senllos repuntes da actividade antes da Semana Santa e o 1 de maio. Na fase de confinamento o 65% dos establecementos comerciais permaneceron pechados e sen vendas. A fase 0 dá continuidade a esa tendencia por efecto do comezo da desescalada e o inicio de mes. Con iso a actividade recuperouse ata o 77%. Durante esas dúas semanas o 60% dos establecementos comerciais xa rexistraron algunha actividade de pago.

A entrada na fase 1 supón o maior impulso á actividade: as compras con tarxeta recupéranse ata o 93% do nivel precrisis e a porcentaxe de establecementos comerciales con compras sitúase no 82% do total.

Estrutura de consumo das familias

A emerxencia sanitaria introduciu significativas modificacións no patrón de consumo das familias. Algúns tipos de produtos e servizos incrementaron en gran medida o seu peso no total de compras, mentres que outros reduciron a súa presenza de maneira igualmente significativa. A alimentación chegou a duplicar a súa porcentaxe sobre o total de compras, pasando dun 31,5% na etapa pre-covid a un 70,2% durante o confinamento. A desescalada reequilibrou a súa posición ata situala no 51,8%. Pola contra, o lecer foi a actividade máis prexudicada, pasando dun nivel inicial do 8,5% na fase pre-covid a un 1,1% durante o confinamento e un 2,2% xa na desescalada.

O comercio minorista tamén experimentou un importante retroceso desde a 33,7% inicial ata o 12,6% no confinamento. Coa desescalada recuperouse ata o 26,9%.

Hai disparidade no comportamento dos diferentes sectores. Ao longo das diferentes fases, os establecementos de alimentación e farmacia mantiveron un nivel gasto superior á etapa pre-covid. En ambos os sectores, abertos durante todos os momentos da crise, as compras con tarxeta creceron aproximadamente 40 puntos porcentuais No extremo contrario, o comercio minorista sufriu unha caída do 81% no importe dos seus pagos no inicio do confinamento, recuperándose unicamente coa entrada na fase 1 da desescalada. O afloramiento da demanda embalsada elevou o seu volume de transaccións até o 86% ao peche do período observado. Esta evolución é acorde coa paulatina apertura de establecementos, que xa alcanza o 92% do total.

O mesmo patrón de comportamento obsérvase noutros establecementos, como parkings, telefonía, talleres e vending, cunha caída drástica coa entrada no confinamento e unha recuperación intensa, aínda que menor que a do comercio minorista, coa reapertura dos establecementos. Lecer e transporte non lograron os niveis de recuperación. Por efecto do confinamento a actividade de bares, restaurantes e viaxes chegou a sufrir unha caída de 94 puntos descenso que a entrada na desescalada só puido reverter parcialmente, ata situar os seus pagos con tarxeta no 29% do nivel inicial. Unicamente o 33% destes establecementos rexistrou pagos de tpv na fase 1.

Transporte e gasolineiras sufriron un impacto menor, aínda que caeron ata o 30% do seu nivel de referencia, pero a desescalada só lle permitiu chegar ao 49%. Durante o confinamento, os pagos en autoestradas caeron ata o 15,8% do nivel previo pola redución da mobilidade.

Novos hábitos

O informe constata dúas grandes tendencias nos hábitos económicos das familias: o crecemento do comercio electrónico e a elección da tarxeta como medio de pago principal. O comercio electrónico creceu durante o confinamento 8,1 puntos. Os pagos on-line chegaron a supor o 52,0% das compras ao comercio minorista (fronte ao 15,6% na etapa pre-covid) e o 73,6% no caso das actividades de lecer (fronte ao 35,0% de partida) A retirada de efectivo en caixeiros, que xa se situaba como segunda opción preferida polos consumidores tras a tarxeta, perdeu 8,5 puntos pasando o seu nivel de uso do 42,0% ao 33,5% sobre o total.

Pola contra, o uso da tarxeta pasou do 44,2% ao 47,5%. Tras o confinamento, os clientes que pagan con tarxeta crecen un 34% en farmacias e un 9% en alimentación. O uso de tarxeta para pagos de importe reducido (inferior a 5 euros) duplicou o seu peso.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)