Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Medio Rural ratifica os cambios na normativa da IXP Mel de Galicia



REDACCIÓN · PUBLICADO O 06 DE AGOSTO DE 2020 · (0)



As principais novidades introducidas contemplan a identificación dunha nova categoría de mel –o mel de melada ou mel de bosque–, a baixada da porcentaxe do mel de brezo na caracterización meliso-palinolóxica e a actualización de diversos aspectos da descrición sensorial dos diferentes tipos de mel.


O Diario Oficial de Galicia publicou onte unha orde da Consellería do Medio Rural pola que adopta decisión favorable á modificación do chamado prego de condicións da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia. O Pleno do Consello Regulador da IXP traballou nesta modificación durante dous anos, e pasaba a presentar publicamente os cambios propostos para esta normativa ante a Consellería do Medio Rural no pasado mes de xuño. Estas modificacións considéranse un paso imprescindible para adaptar as condicións da produción de mel en Galicia á situación actual.

Cabe lembrar que esta IXP iniciou a súa actividade hai más de 30 anos de acordo coa normativa autonómica e estatal do momento, e polo tanto con anterioridade á súa inscrición no rexistro comunitario. Como consecuencia, os requisitos da produción e do produto que están definidos no prego de condicións vixente correspóndense cos da hai tres décadas. Este sería o caso dos tipos de mel, as características das explotacións e o manexo apícola.

Evidentemente, na actualidade obsérvanse claras transformacións no sistema produtivo que afectan a estes requisitos, propiciados polas melloras tecnolóxicas e os factores ambientais e climáticos. Entre as principais novidades introducidas no prego de condicións, a consellería detalla a “identificación dunha nova categoría de mel, o mel de melada, que poderá levar a mención “mel de bosque” na súa etiquetaxe”. Do mesmo xeito, actualízanse diversos aspectos da descrición sensorial dos diferentes tipos de mel e rebáixase a porcentaxe de pole de breixo na caracterización meliso-palinolóxica do seu mel monofloral. A nova normativa tamén contempla a modificación das diversas especificacións do método de obtención para axustalas á realidade actual, adecuándose así o sistema de control e certificación aos requisitos establecidos na norma.

Con estes cambios publicados “iníciase o camiño” para a súa aprobación final pola Comisión Europea. Tanto o Consello Regulador da IXP Mel de Galicia como a Consellería de Medio Rural teñen por obxectivo adaptar a normativa ao devir dos tempos, ao dinamismo do sector e á introdución das novas tecnoloxías existentes, sen afectar en ningún caso ás características esenciais do mel nin á súa vinculación co medio natural.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)