Publicidade

Galicia calidade produto


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Investigadores da USC advirten de que a reforestación é unha arma de dobre fío



REDACCIÓN · PUBLICADO O 28 DE ABRIL DE 2021 · (0)



Propoñen alternativas que poden ser tanto ou máis efectivas ao plan masivo da Unión Europea. Por exemplo, a diversificación de hábitats e a recuperación de zonas húmidas e de pastos, “sobre todo nalgunhas rexións do sur de Europa” o que ademais mantería  prácticas e paisaxes tradicionais, máis resistentes ao lume.


O Pacto Verde da Unión Europea, tamén denominado Green Deal, folla de ruta coa que quere loitar contra o cambio climático, contempla a plantación de 3.000 millóns de árbores ata 2030. Pero un grupo de investigadores vén de advertir cun artigo publicado na revista Global Change Biology da necesidade de planificar ben este proceso “xa que o uso das especies que se utilizan a miúdo nas plantacións —de crecemento rápido e con resinas inflamables—, pode aumentar o risco de incendio, especialmente se non se acompaña dunha xestión axeitada”, explica Adrián Regos Sanz.

Os bosques son grandes sumidoiros de carbono e contribúen en gran medida a compensar o aumento do dióxido de carbono á atmosfera. E as políticas para conservalos e restauralos teñen un amplo apoio. A UE comprometeuse a restaurar os hábitats con maior potencial para captar e almacenar carbono con iniciativas como a da reforestación. Pero o equipo de investigadores da USC en colaboración co Centre Tecnològic Forestal de Catalunya, o Research Centre in Biodiversity and Genetic Resources (Cibio), do Centre de Recerca Ecològica i Aplicacions Forestals da Universidade Autónoma de Barcelona e do CSIC, coida que “é fundamental planificar moi ben como e onde se farán estas plantacións, é dicir, que especies e como se xestionarán. Son claves se queremos ser efectivos reforestando para evitar riscos asociados a grandes incendios forestais”.

Diversificación

Os autores propoñen variar hábitats e recuperar de zonas húmidas e de pastos que axudarían a compensar a perda de hábitats que sufriron un forte declive nas últimas décadas polo abandono de terras e da expansión forestal. “De feito, investir na restauración destoutros hábitats sería máis eficiente que plantar árbores nas rexións máis secas e propensas ao lume, como o Mediterráneo, onde a dispoñibilidade de auga é limitada”, explica Regos Sanz. “A reforestación a gran escala pode impactar en zonas de actividades agropecuarias tradicionais, provocando o seu abandono ou o desprazamento, causar a perda doutros hábitats de importancia na conservación, a propagación de especies e pragas invasoras e reducir a dispoñibilidade de auga”, continúa o investigador da USC.

Malia que coidan que os bosques axudan na estratexia global de mitigación dos impactos do cambio climático, a nivel mundial deberíase dar prioridade ás zonas que foron sometidas a unha presión de deforestación máis elevada durante as últimas décadas, como os trópicos. E sempre tendo en conta que “a restauración forestal non pode substituír a redución de emisións directas de gases de efecto invernadoiro”, a acción máis efectiva.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)