Publicidade

galicia calidade turismo


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A empresa galega Sivsa xestionará a telemedicina de Perú



REDACCIÓN · PUBLICADO O 09 DE SETEMBRO DE 2021 · (0)



Vén de rematar con éxito o proxecto piloto do Centro Nacional de Telemedicina, organismo público que leva o seguro social, para definir a estratexia de atención sanitaria remota e a domicilio. Con sede central no Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo Sivsa ten oficinas en Madrid, Oviedo, Marrocos e Brasil, ademais do país andino e presenza en Chile e Portugal.


O sistema probado baséase en Hosix, software de xestión e información hospitalaria concibido para ofrecer de maneira remota todos os niveis de hospitalización, incluídos pacientes de coidados intermedios. Ofreceu excelentes resultados durante o ensaio realizado o pasado xullo, no que se monitorou durante 48 horas a varios pacientes seleccionados. 

O proxecto, executado a través da división de Sivsa no país (na imaxe o equipo de SIVSA nas instalacións Cenate en Lima) contou coa participación dun equipo de profesionais sanitarios capacitados para o uso desta solución. Con ela xestionaron procesos de admisión e alta, historia clínica e parámetros médicos para controlar a evolución, receitas, datos médicos, controis de saturación de osíxeno e probas en remoto. Ademais, ao estar aloxado nunha nube de alta seguridade, Hosix Cloud, permite a conexión sen a necesidade de ter que instalar servidores locais, o que facilita e simplifica o acceso desde centros de saúde remotos, despachos médicos locais e domicilios. 
 
Esta solución é usada por máis de 30 hospitais de 6 países. No caso de Perú conta cunha importante presenza no sector sanitario, onde preto dunha vintena de hospitais públicos e privados xestionan actualmente os seus procesos hospitalarios con ela. 

Hosix está composta por módulos asistenciais e administrativos que funcionan de forma autónoma pero que permiten xestionar a información, os procesos e os fluxos de traballo das áreas hospitalarias (farmacia, hospitalización, administración, urxencias, citas…). Facilita a explotación dos datos, a comunicación e colaboración e o acceso á historia clínica do paciente, axilizando a toma de decisións e optimizando a calidade do servizo.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)