Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A Xunta pide a cogobernanza no reparto dos fondos europeos para tirar adiante de proxectos que están no aire



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 21 DE SETEMBRO DE 2022 · (0)



Miguel Corgos, conselleiro de Facenda, participou hoxe en Madrid nun seminario onde apuntou ás dificultades para a xestión dos Next Generation “pola falta dunha planificación consensuada”. E o presidente Rueda apuntou esta mañá que hai tres grandes iniciativas que prosperarían en chan galego á espera de certezas por parte do Executivo central na asignación de fondos.


Son os plans de Stellantis para construír en Vigo unha nova plataforma de fabricación de coches eléctricos; os da multinacional xaponesa Showa Denko para elaborar ánodos de grafito na Coruña ligados á mobilidade sostible; ou aos de Altri para levar adiante en Palas de Rei unha fábrica de fibras téxtiles, que permitiría a Galicia concentrar o 3% da produción mundial destes materiais de futuro.

O presidente da Xunta tamén subliñou esta mañá urxencia desta xestión áxil e eficaz dos fondos na súa intervención no I Observatorio dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) lamentando que unha ocasión como esta estea a quedar diluída pola falta de axilidade na execución, despois de que o Goberno decidira centralizar a distribución dos recursos.

Cómpre ligar os proxectos a cada territorio posto que as iniciativas de cada territorio atenden a distintas necesidades, defende o goberno galego. Galicia ten definidos 355  públicos e privados para transformar a economía e iniciativas como a Unidade de Proxectos Tractores, para colaborar co tecido produtivo e identificar proxectos susceptibles de aproveitar os fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR); a Estratexia Next Generation Galicia, para definir prioridades; a Comisión Next Generation para planificar e desenvolver os proxectos que poden obter financiación do MRR ou a Oficina Técnica Next Gen para coordinar a posta en marcha de iniciativas públicas e privadas e dar soporte técnico, incluídos aos concellos.

O responsable da Facenda galega, presente está mañá nun seminario organizado pola Comisión Europea en Madrid para impulsar os investimentos dentro do Plan de Recuperación, gabou tamén a oportunidade que os fondos Next Generation supoñen “sempre que se lles tire o máximo partido para transformar o tecido produtivo”. É imprescindible, unha planificación plurianual que recolla os recursos dos que vai dispor cada administración para acelerar a execución dos fondos ao contar cunha garantía de cobertura financeira.

 



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)