Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A empresa lucense Norvento Enerxía, galardoada nos D+I Innovation Awards 2022



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 14 DE NOVEMBRO DE 2022 · (0)



Foi premiada na categoría “mellor proxecto de dixitalización do ano en PEME” polo proxecto Zeppelin -onde traballa tamén con Reganosa- para obter hidróxeno verde do tratamento de augas e materias residuais dos sectores agroalimentario, téxtil e depuración. Helena Penas, responsable de Gases Renovables da empresa, recolleuno.


O traballo comezou en novembro de 2021 e debería estar rematado a 31 decembro 2024. A participación no proxecto Zeppelin, -financiado polo Centro de Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI) cos Fondos Next Generation- é clave no consorcio empresarial formado por un total de oito empresas, cada unha importante en diferentes puntos da cadea de valor do hidróxeno. Ademais de Norvento están Aqualia, Repsol, Perseo, Naturgy, Redexis, Reganosa e Técnicas Reunidas.

Entre todas investigan tecnoloxías de produción de hidróxeno verde complementarias á electrólise, e que fomenten a economía circular. Ademais do consorcio de compañías colaboran organismos de investigación (CETIM, CIEMAT, EnergyLab, CIDAUT, Instituto de Tecnoloxía Química (ITQ-UPV e ITQ-CSIC), a Fundación (FUNGE-Uva), IMDEA-ENERXIA, e ITMATI), que achegan unha capacidade tecnolóxica complementaria para levar a cabo todas as actividades.

A iniciativa conta con 4,23 millóns de subvención do Estado e podería ofrecer “ un potencial de produción  de 135.000 toneladas de hidróxeno verde e circular ao ano”, segundo explican dende Norvento. A xeradora de enerxía renovable e tecnoloxía recolleu o premio o 10 de novembro, na gala dos D+I Innovation Awards 2022 promovida polo xornal El Español e celebrada na Real Fábrica de Tapices en Madrid. Na súa segunda edición estes premios poñen o foco en iniciativas innovadoras e disruptivas da escena dixital en España e Latinoamérica cun xurado formado poranalistas independentes, directivos, académicos e o propio persoal do medio.

Helena Penas, Responsable de Gases Renovables de Norvento Enerxía, recolleu o galardón (na imaxe xunto a Ludi García, directora de Hotwire en España) recoñecendo a satisfacción de obtelo, “xa que pon de manifesto o gran labor do equipo humano que forma parte de Norvento e o seu compromiso pola innovación cara a un futuro 100% renovable”.  O equipo deseña, fabrica e comercializa aeroxeradores entre 100 e 900 kW e sistemas de almacenamento eléctrico con baterías para aplicacións industriais, comerciais, supercargadores do vehículo eléctrico, ademais de subministración de enerxía en redes febles ou sistemas off-grid.

 



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)