Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Na procura de mercados para o naval galego en Arxentina



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 17 DE NOVEMBRO DE 2022 · (0)



Asime está presente esta semana no Encontro Internacional da Industria Naval -EINAVAL 2022- en Mar del Plata, cita que remata hoxe. “O naval arxentino está a crecer con forza e temos grandes oportunidades de colaboración e de negocio na construción de pesqueiros e buques de transporte de mercadorías”, explica Enrique Mallón, Secretario Xeral de Asime.


“Por iso estamos a amosar aquí as nosas posibilidades de cooperación, especialmente no ámbito da formación e cualificación das persoas e a aplicación das novas tecnoloxías á industria naval”, explica Enrique Mallón, Secretario Xeral da asociación de industrias do metal, que participa no encontro. Ao congreso organizado pola Asociación Bonaerense de la Industria Naval (ABIN), tamén acudiron varias das empresas asociadas e outras entidades da industria naval marítima galega como Navantia, Aclunaga, Industrias Ferri, Faustino Carceller SL, Ibercisa e Gabadi.

“Estamos a tentar achegar aos estaleiros e industrias complementarias arxentinas á industria naval-marítima galega en particular e ao sector do metal en xeral. Estamos a profundar en proxectos de colaboración conxunta que xa están a dar hoxe froitos en forma de contratos entre empresas galegas e arxentinas, pero sen dúbida podemos chegar aínda máis lonxe sempre que a situación do mercado internacional e da industria arxentina sexan favorables”, engade Mallón.

A industria naval é estratéxica para a recuperación económica de Galicia. Ten unha gran capacidade tractora e é moi valorada no exterior, tanto é así que o 90% dos buques construídos na última década nos estaleiros galegos destínanse á exportación. “No sector metal galego e as súas tecnoloxías asociadas temos capacidade en toda a cadea de valor, desde a construción ata a reparación, pasando polo mantemento e a transición enerxética a eólica mariña, electrificación de buques e novas propulsións”.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)