Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

José María Fonseca Moretón, Medalla de Ouro do Círculo de Empresarios de Galicia



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 21 DE NOVEMBRO DE 2022 · (0)



O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, entregoulla ao presidente do Grupo Terras Gauda, ante máis dun centenar de representantes do mundo empresarial, social e político. O Círculo de Empresarios de Galicia, ademais, celebra XXX aniversario.


“Estaba convencido do que quería facer: viños singulares na mellor tradición do Rosal, poñendo en valor as variedades autóctonas desde o máximo respecto ao terruño, que tanto amamos ” dixo no seu discurso o presidente do Grupo Terras Gauda, José María Fonseca Moretón, rememorando as orixes deste coñecido grupo vitivinícola que inviste moito en I+D+i e que hoxe ten tres patentes e un secreto industrial.

A adega ten tamén un premio da Real Academia Galega das Ciencias, compartido co CSIC, polo seu traballo na selección clonal de Albariño. “Agora estamos involucrados coa viticultura de precisión, a sustentabilidade e a economía circular”, dixo este pasado sábado Mantecón na sede do Círculo en Vigo. Tamén organizan a Bienal de Cartelismo Terras Gauda –Franciso Mantecón, que deu a Vigo proxección internacional nas vangardas artísticas.

Fonseca recoñeceu que “traballamos moi duro ata chegar ao grupo adegueiro, asentado en catro das zonas vitivinícolas de referencia en España e con presenza en máis de 70 mercados internacionais, que somos hoxe”. Terras Gauda (Rías Baixas), Adegas Pittacum (Bierzo), Quinta Sardonia (Sardón de Douro), a Compañía de Viños Heraclio Alfaro (Rioxa). Do grupo forma parte tamén A Rosaleira.

Entre os presentes na entrega do premio, e só por citar a algúns, o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Francisco Conde, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, a vicepresidenta segunda do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, e a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba. O presidente do Círculo de Empresarios de Galicia, Manuel Rodríguez,  definiu ao adegueiro como “polifacético, porque é funcionario, empresario vitivinícola, músico, ocupa unha cadeira de brazos da Real Academia de Gastronomía e é amante das paxarelas”.  Todo con optimismo e “sustentado nun equipo humano que levou a Terras Gauda a facturar 18 millóns de euros en 2021 en pleno escenario postpandemia”.

 



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)