Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Un cuarto de século traballando pola enxeñaría forestal



REDACCIÓN · PUBLICADO O 21 DE NOVEMBRO DE 2022 · (0)



Os profesionais da Enxeñaría Técnica Forestal de Galicia reuníronse este sábado no Pazo de Adrán (Calo, A Coruña) para celebrar unha data moi especial: o 25.º aniversario do Colexio Oficial da Enxeñaría Técnica Forestal de Galicia.


O acto estivo presidido polo actual equipo directivo, encabezado por Santiago García (decano), Mercedes Rois (secretaria) e Beatriz Carrera (vogal). Os tres estiveron acompañados por compañeiros e colegas do COETFG, así como por moitas colexiadas e colexiados que participaron na celebración, na que se fixo un percorrido pola historia da entidade, lembrando o porque da existencia desta entidade e tamén os logros acadados. Pero o acto serviu, asemade, para analizar os grandes retos que ten por diante o sector.

Desde a entidade recordaron que “estes 25 anos de historia teñen todo o seu sentido, grazas á unión e á forza das enxeñeiras e enxeñeiros técnicos forestais que apostan por unha defensa común da profesión e por contar con servizos próximos, personalizados e con atención inmediata, aportando coa súa colaboración activa e desinteresada o impulso necesario para que unha entidade desde tipo poda camiñar con seguridade e con obxectivos claros”. 

No encontro abordouse unha mesa coloquio entre os asistentes, que centrou a atención do evento, grazas ao debate mantido polas persoas que participaron en relación ao desenvolvemento do colexio e da profesión e á prospección a futuro, “sempre sen perder de vista o amplo abano de competencias e atribucións que ofrece a profesión e onde están presentes profesionais que fan efectiva esa apertura multidisciplinar”.

O encontro ademais de reforzar lazos e xerar novas sinerxías, puxo en valor o labor que desempeña o COETFG e a importancia da súa presenza na sociedade. Así mesmo consideráronse novas propostas para dinamizar “aínda máis o traballo da entidade dende un proxecto común e colaborativo, dende o que poder xerar máis valor engadido á nosa profesión e a noso colexio”, aseguran desde o Colexio.

O evento pechouse cun balance moi positivo por parte de todas e todos os asistentes, convencidos de que a Enxeñaría Forestal é esencial para a sociedade, nun momento económico cargado de incerteza e complexidade en xeral, situación que na entorna da profesión xa vén sendo habitual e que unha vez máis pon de manifesto a forza e resiliencia da mesma, “sempre co foco posto nun futuro cheo de oportunidades que non deixaremos pasar”.

Dende o Colexio Oficial de Enxeñaría Técnica Forestal de Galicia enviaron “un especial agradecemento a todas e todos os colexiados que colaboran co COETFG no día a día para “construír unha enxeñaría relevante e unha profesión esencial na sociedade actual”.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)